Catro grandes portais acaparan máis de dous terzos do total de investimentos en publicidade en liña

xoves, 22 de marzo do 2007 Raquel Noya

Semellan ser bos tempos para os portais web: neles xa se invisten cifras astronómicas en publicidade semellantes ás que se invisten noutros medios de comunicación, mais o gorentoso pastel publicitario semella non estar moi ben repartido xa que, coma sempre, os grandes acaparan máis da metade do total dos investimentos, mentres que os pequenos (as miles de millóns de páxinas web do mundo) teñen que conformarse con pequenas cantidades. Polo menos, así consta no informe Portal Marketing: The big Four, levado a cabo por eMarketer. Segundo o devandito estudo, a publicidade en Internet actúa dun xeito moi semellante á televisión, na que só invisten as marcas máis coñecidas e onde a meirande parte dos anuncios concéntranse nos catro principais portais web: Google, Yahoo!, AOL e MSN, todos eles con máis de 100 millóns de usuarios únicos ó mes.
eMarketer estima que ó longo de 2007, o gastos totais en publicidade en liña nos Estados Unidos ascenderá a 19.500 millóns de dólares. Desta cantidade, un 32,1 por cento irá parar a Google, un 18,7 por cento será para Yahoo!, un 9,1 por cento levarao AOL e un nada desprezable 6,8 por cento do total investirase en MSN, sumando entre os catro o 66,6 do total.
Porén, a cousa non remata aquí, xa que os autores do informe aseguran tamén que a tendencia á concentración aumenta cada ano de xeito considerable xa que en 2006, o cuarteto sumou o 57,4 por cento dos investimentos totais por publicidade en liña, en 2005 un 53,7 por cento e un 47,8 por cento en 2004.
O informe Portal Marketing desvela (parcialmente) o segredo do éxito para acadar publicidade en Internet ó afirmar que o concepto do “todo en un” que representan estes portais, atraen a usuarios e anunciantes como o mel ás moscas.