Carnota incorpora os seus roteiros e atraccións turísticas a Google Maps

luns, 13 de febreiro do 2017 Redacción

O Monte Pindo e a súa frutífera interacción con Google seguen a agasallarnos novas, logo do anuncio recente do comezo das actividades da iniciativa Trekker Monte Pindo e do compromiso previo do buscador a prol da promoción desta paraxe granítica galega, nas mesmas condicións que os nosos restantes parques naturais. Pois ben, esta semana que vimos de deixar atrás soubemos que a Asociación Monte Pindo e Google consolidaron formalmente a súa colaboración para desenvolver o dito programa Trekker Monte Pindo, unha iniciativa que contará co apoio do Concello de Carnota e que encetará, ao longo do mes de abril, o mapeo exhaustivo das rutas de sendeirismo locais. En palabras da asociación, este acordo converte ao concello da Costa da Morte no primeiro en contar coas súas sendas documentais e rexistradas na plataforma Google Street View, “o que permitirá a millóns de persoas percorrelas virtualmente dende Google Maps ou Google Earth”.
Respecto do acordo en si mesmo, implica (entre outras cousas) que a compañía de Internet autoriza ao colectivo veciñal e ao voluntariado inscritos no proxecto a empregar durante o vindeiro mes de abril a específica mochila Trekker para percorrer 26 rutas (36 incluíndo as variantes que ofrece cada unha) que suman un total de aproximadamente 110 quilómetros. O colectivo veciñal disporá as principais rutas do chamado “Olimpo Celta” nesta plataforma “para todo o mundo” e con independencia “da súa procedencia ou condición física e psíquica”, informou a asociación.
Pola súa banda, o Goberno carnotán xa fixo saber que aproveitará a ocasión para acondicionar varios sendeiros e mesmo recuperar algúns camiños veciñais en desuso ou “case esquecidos”, para incorporalos ao catálogo dos camiños peonís. “A idea”, informa a asociación, “é que Carnota incremente a súa oferta de lecer e deporte e mellorando as comunicacións sen depender do coche”, cumprindo co seu obxectivo de completar a Senda Verde, conectándoa co Pindo a través de Cornido e o Chan das Lamas, así como crear unha nova Senda Azul, conectando o norte e o sur do Concello cun sendeiro litoral.
O colectivo veciñal tamén sinala que entre os lugares que se verán proxectados nesta plataforma entran boa parte dos seus monumentos, incluíndo o Museo Aberto de Carnota cos seus sitios arqueolóxicos, a Senda Verde, os hórreos de Carnota e Lira, varios miradoiros e máis a praia de Carnota, a máis longa do noso litoral. Para máis información, hai na Rede un documento PDF habilitado con datos sobre o proxecto Trekker Monte Pindo.

PUBLICIDADE