CONETIC e Ineo convidan a xuntar forzas a prol das Cidades Dixitais

martes, 21 de abril do 2015 Fernando Sarasketa

Comezou este martes ao mediodía a terceira edición do Congreso Cidades Dixitais que organiza CONETIC en Santiago baixo o epígrafe A tecnoloxía aplicada a un novo concepto de sociedade. A cita, que se mantén en activo até o mércores, ten entre outros obxectivos o de ser un gran centro demostrador de tecnoloxía para mellorar a calidade de vida das nosas urbes. Entre os seus puntos fortes, o encontro fai gala dunha firme vontade internacional: xunta a representantes de concellos españois e latinoamericanos, amais dos profesionais da industria tecnolóxica galega e estatal. Todos pechando fileiras fronte a un reto común: as Smart Cities.
O congreso inaugurouse ante centos de profesionais procedentes de todos os recantos do territorio estatal e iberoamericano. Na apertura interviñeron Jorge Cebreiros (presidente de CONETIC e da asociación galega Ineo), Belén Do Campo Piñeiro (delegada territorial da Xunta), Víctor Calvo Sotelo (secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información) e Agustín Hernández (alcalde de Santiago).
Cebreiros abriu a rolda de presentacións falando do que na súa opinión representa o Congreso Cidades Dixitais de CONETIC: “Un marco de colaboración multiplicador de éxitos”. Ao fío disto, fixo fincapé na oportunidade que representa o feito de contar no evento con representantes dun bo número de institucións americanas, moitas das cales participan na Misión Inversa de Ineo da que falamos onte en Código Cero. Cebreiros tamén falou dos principais retos que cómpre asumir entre todos de cara ao afianzamento das Cidades Dixitais: melloras na xestión de refugallos, máis eficiencia e eficacia na xestión de recursos, máis transparencia, transporte máis sustentable e limpo, mellor conectividade, avances na eAdministración, etc.
Como dixemos, na inauguración tamén participou Víctor Calvo Sotelo, secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, que valorou moi positivamente os traballos en materia Smart City que se están a levar a cabo na nosa terra, como por exemplo as iniciativas Coruña Smart City ou Smart iAgo (Santiago). Calvo Sotelo centrou boa parte da súa intervención no que significa o desenvolvemento das Cidades Dixitais, e nas vantaxes que estas poñen en xogo. Ao seu xuízo, as cidades de hoxe en día están sometidas a múltiples tensións: económicas, tecnolóxicas e medioambientais. “A incorporación das TIC”, dixo, “responde a estes retos e brinda potencial de abondo para afrontalos e emendalos, habilitando máis eficacia, eficiencia e sustentabilidade”.
Asemade, recoñeceu que se debe partir de conceptos xerais (todas as urbes precisan ser Smart Cities, sexan grandes ou pequenas, modernas ou antigas, españolas ou americanas) para logo abordar as necesidades concretas de cada urbe. “Cada cidade”, dixo, “debe ser intelixente á súa maneira, adaptando modelos acaidos ás súas características”, sinalou en clara alusión a Santiago e o seu particular proxecto concreto de Cidade Intelixente-Cidade Histórica. Calvo Sotelo tamén salientou un dos grandes activos estatais e europeos: a longa tradición asociativa das empresas e entidades, cousa que non está tan asentada noutras contornas como a dos Estados Unidos e que poden servir, por suposto, para buscar solucións comúns a retos comúns.
Países e temas
O encontro que se está a celebrar estes días en Santiago, organizado pola Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información (CONETIC), en colaboración coa asociación galega Ineo, conta coa presenza de representantes de administracións españolas e institucións de Colombia, México, Perú e Uruguai.
En canto a cuestións a debater, o congreso abrangue temas como os seguintes: as solucións accesibles nas cidades e nos fogares para persoas con capacidades reducidas; os transportes intelixentes de mercadorías e de persoas; a xestión e reaproveitamento de residuos ou a seguridade e a integridade do dato.