Boox estrea lectores de libro electrónico compactos con soporte de lapis
venres, 25 de abril do 2025
Boox vén de ampliar a súa gama de lectores electrónicos coa nova serie Go 7, formada polos modelos Go 7 e Go Color 7 (de 2ª xeración). Con pantallas de 7 polgadas e baseados en Android, estes dispositivos buscan ofrecer unha experiencia de lectura o máis próxima posible ao papel real, á vez que permiten capturar ideas de maneira instantánea mediante o uso dun lapis dixitalizador opcional.
O Go Color 7 (2ª xeración) incorpora a tecnoloxÃa E Ink Kaleido 3, que ofrece contidos en cor a 150 puntos por polgada e en branco e negro a 300 puntos por polgada, pensando especialmente nos afeccionados á banda deseñada e aos libros ilustrados. Pola súa parte, o Go 7 aposta por unha pantalla Carta 1300 con resolución de 300 puntos por polgada, orientada a quen prefira unha lectura monocromática clara e nÃtida.
Ambos modelos inclúen luz frontal con temperatura de cor axustable, mellorando a comodidade visual en todo tipo de contornas. Ademais, estrean por primeira vez nun dispositivo de 7 polgadas de Boox a capacidade de escritura manual, compatible co novo lapis Boox InkSense (que ten un prezo de partida de 41,99 dólares). Esta funcionalidade permite subliñar libros, facer anotacións ou xestionar listas e ideas de maneira áxil, a través da aplicación Notas.
Dado que o novo Boox Go 7 ten un prezo de partida de 219,99 dólares, falamos dunha solución que revoluciona a competencia, xa que os dispositivos de lectura de libros electrónicos de Amazon con soporte para lapis teñen un prezo de partida de 369,99 euros e só están dispoñibles nun tamaño de pantalla de 10,2 polgadas.
Os novos lectores de Boox funcionan con Android 13 e permiten acceder á tenda de aplicacións de Google, ofrecendo asà a posibilidade de instalar aplicacións de lectura, organización ou lecer. Cada modelo integra 4 GB de memoria RAM e 64 GB de almacenamento interno, ampliable mediante tarxeta microSD.
En canto ao deseño, a serie Go 7 destaca pola súa lixeireza (195 gramos) e un acabado posterior cunha textura semellante ao papel, que facilita o agarre. O Go Color 7 (de 2ª xeración) preséntase nun elegante ton negro (azul mariño), mentres que o Go 7 estará dispoñible en branco ou negro. Ambos modelos contan con protección contra salpicaduras e chuvia lixeira.
O Boox Go 7 xa está dispoñible para a compra a través da tenda oficial da marca, mentres que o lanzamento do Boox Go Color 7 (de 2ª xeración) está previsto para os vindeiros meses. Os prezos mencionados corresponden aos do almacén de Hong Kong, estando pendentes os prezos estadounidenses pendentes de revisión (por mor dos aranceis), mentres que en Europa teremos que agardar un chisco para ver a que prezos chegan a través de distintos distribuidores, pero inicialmente semella que os Kindle con lapis teñen un atractivo competidor.
VÃdeo promocional do novo Boox Go 7
