Blusens estrea discográfica de seu nun concerto en Compostela

xoves, 28 de maio do 2009 Marcus Fernández

Esta noite a sala Capitol acollerá un concerto do grupo galego Cornelius, que presenta o seu novo traballo 1960, no que se converte na presentación en sociedade do selo discográfico Blusens Music, nova aventura empresarial da coñecida marca de electrónica de consumo con sede en Santiago de Compostela.
José Ramón García xa presentou o tema de lanzamento deste grupo dentro de Blusens Music no I Iniciador Galicia que tivo lugar en A Coruña, e agora o público xeral poderá coñecer máis desta banda arousá que puido plasmar os seus temas nun álbum de calidade, grazas á produción de Mick Glossop (quen traballou con artistas coma Van Morrison, Frank Zappa ou a banda Suede) e á remasterización de Tutsuya Sato (que fixo o propio con Madonna, Rianna e Michael Jackson), que en xullo pretende comercializarse en máis de 30 países.
Esta iniciativa por parte de Blusens resulta bastante sorprendente, pois non coñecemos precedentes de compañías deste tipo que apoien directamente a grupos musicais como discográficas en vez de limitarse a ser patrocinadores (como faría Energy Sistem coa banda Pignoise).
O fabricante de electrónica de consumo galego tamén porá á venda un reprodutor MP4 Cornelius 1960 que incluirá 3 cancións e 2 vídeos musicais da banda de Blusens Music, adiantándose ao lanzamento do álbum do grupo. O dispositivo multimedia contará cunha interface renovada e incluirá un sistema de transmisión FM que permite sintonizar na radio do coche a música que reproduce.


Vídeo musical de lanzamento do álbum 1960 de Cornelius