Blogaliza faise co I Premio Rosalía de Castro de Lingua

venres, 21 de maio do 2010 Redacción

A web galega blogaliza.org é a gañadora da primeira edición do premio Rosalía de Castro, convocado pola Deputación da Coruña, para recoñecer a persoas, empresas, asociacións e entidades que, co seu traballo, axudan a impulsar a presenza da lingua galega.
A concesión do xurado, que seleccionou por unanimidade a proposta de Blogaliza entre as vinte e tres presentadas, foi feito público esta mañá no transcurso dunha rolda de prensa na que participaron o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, o deputado responsable de Normalización Lingüística, Xoán Manuel Sande, e os membros do xurado Helena Villar, presidenta da Fundación Rosalía de Castro, e Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
Fernández Moreda felicitou a iniciativa gañadora e lembrou que se trata dun premio honorífico, sen dotación económica, cuxo acto de entrega terá lugar o vindeiro 28 de maio, durante a celebración da III edición da Festa da Lingua, que este ano se celebrará na Casa da Cultura de Bertamiráns, no concello coruñés de Ames. Así mesmo, o presidente provincial lembrou que para a concesión do galardón valoráronse, entre outros aspectos, a promoción da normalización lingüística, o uso habitual da lingua galega, e a contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social ou cultural.
O voceiro do xurado e decano do Colexio de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, destacou a unanimidade do xurado na decisión de entregar o premio a Blogaliza, así como a dificultade de tomar a decisión “xa que había moitos proxectos e iniciativas premiables e esta é a primeira edición, polo que marca o camiño a seguir” en vindeiras convocatorias.
Segundo Xosé Manuel Pereiro, o xurado recoñeceu en Blogaliza “un esforzo de creación de espazos socializadores emerxentes para o galego, que xunta o esforzo persoal e de investimento na creación dun soporte de internet”, que foi creado por en 2003 por Pedro Silva e que dende 2008 pertence a Algueirada SL, desenvolvida polo propio Pedro Silva, Carme Mancebo e Alfredo Ferreiro.
Blogaliza ofrece hospedaxe, mantemento, e desenvolvemento de balde a uns 3.000 blogues dos 9.000 que se calcula que existen na actualidade escritos en galego, que xuntaron o mes pasado 16.000 visitas únicas diarias e preto de 500.000 en total, con 385.000 impactos ao día e 12 millóns no mes.
O xurado do premio estivo presidido polo titular da institución provincial coruñesa, Salvador Fernández Moreda, e integrado por Helena Villar, Xosé Manuel Pereiro; Goretti San Martín Rei, xefa do servizo de Normalización Lingüística da UDC; Mercedes Queixas, coordinadora provincial dos equipos de normalización lingüística; Felipe Senén, técnico de xestión cultural da Deputación; Manuel Rico, xefe do gabinete de política lingüística da delegación territorial da Xunta na Coruña, e Inés Dorado Fernández, técnica de normalización lingüística da Deputación da Coruña.