BlackBerry presenta un novo smartphone baseado en Android

martes, 26 de xullo do 2016 Marcus Fernández

BlackBerry continúa a lanzar novos smartphones baseados en Android, pero en vez da BlackBerry Priv (terminal cun prezo desorbitado, que non gozou do favor do mercado) optan agora por personalizar o software do Alcatel Idol 4 e presentalo como o novo DTEK50, que cos seus 7,2 milímetros de grosor presume de ser o smartphone de BlackBerry máis delgado ata o momento, e que xa pode reservarse dende España a un prezo de 339 euros, chegando aos consumidores nun par de semanas.
Co DTEK50 buscan ofrecer o mellor de Android 6.0 (como o seu inmenso catálogo de aplicacións) combinado coa seguridade propia de BlackBerry, destacando dende BlackBerry que lle engadiron un botón para acceder ás aplicacións e tarefas máis frecuentes, os widgets poden verse de xeito emerxente na pantalla de inicio, integra un buscador para localizar ficheiros e aplicacións axilmente, fai uso de accións instantáneas (para poder efectuar rapidamente chamadas, envíos de correos electrónicos, consultar rutas...) e tamén achega control por xestos.
Pero o punto forte do Android personalizado por BlackBerry é a súa seguridade, que chega de xeito predeterminado, de xeito que resultará moi complicado que se poida colar no dispositivo algún malware, recibirá parches de seguridade frecuentes e achegará un grande control da privacidade.
A nivel de hardware o BlackBerry DTEK50 vén a ser un smartphone con pantalla Full HD de 5,2 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 617 de oito núcleos e 64 bits, 3 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 2 TB), cámaras de 13 e 8 Mpíxeles, 4G, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, NFC, batería de 2.610 mAh con carga rápida (que promete unha autonomía de uso mixto de 17 horas) e 135 gramos de peso, que de lanzamento entregarase cunha batería externa de 12.600 mAh a xeito de cargador (que pode cargar dous trebellos á vez).
Actualmente ese dispositivo sen a personalización de BlackBerry pode adquirise por uns 300 euros, pero dado que o DTEK50 inclúe a mencionada batería externa, e chega cun compromiso de actualizacións do seu software pode resultar unha compra bastante atractiva para quen queira un smartphone con Android de gama media.

Vídeo de presentación do BlackBerry DTEK50