Barrán anuncia cursos sobre aplicacións Android e hacking ético a desenvolver dende novembro en Santiago

xoves, 10 de outubro do 2013 Redacción

O grupo galego Barrán, do que falamos recentemente para informar das súas actividades formativas relacionadas co software libre e máis polo miúdo con GNU/Linux e aplicacións abertas de emprego xeral, fíxonos saber esta semana que xa ten entre mans un novo feixe de accións de divulgación de novo xirando arredor do open source e as súas múltiples posibilidades para profesionais do desenvolvemento, empresas de tódolos sectores e tamaños ou usuarios de a pé. En primeiro lugar, Barrán prepara para este mes de novembro (ata xaneiro) o curso Desenvolvemento de aplicacións para plataformas Android, que se dirixe a achegar as nocións precisas para dar forma a ferramentas para o dito sistema de Google. Ao longo desta actividade, os alumnos desenvolven unha aplicación propia para subir ao Market de Google ao final do curso, a cuxo remate obtense o certificado de desenvolvedor de aplicacións para plataformas Android.
Barrán tamén inicia este mes de novembro o curso de Técnico en reparación e mantemento de equipos, durante o desenvolvemento do cal amosaráselles aos alumnos os conceptos e metodoloxías precisas para o arranxo e mantemento de hardware (ao remate da actividade poderán obter o certificado de técnicos no dito eido de actividade). Asemade, convócase o curso Ethical Hacking, que consiste na posta en práctica de métodos e recursos propios dun hacker orientados desta volta cara a criterios éticos. A actividade ten como fin o que os alumnos saiban xestionar a seguridade de equipos e redes grazas aos coñecementos de hacking que se poñen en xogo.
A maiores, Barrán prepara os cursos Preparación para a obtención do LPIC, Iniciación informática con software libre e Inglés técnico, todos eles a desenvolver entre novembro e febreiro.
Tanto estas convocatorias coma as anteriores desenvolveranse en Santiago de Compostela, no número 22, primeiro andar, da Rúa Nova de Abaixo. Para matriculármonos nos cursos ou solicitar información dos mesmos Barrán achega a web formacionp.grupobarransl.net e máis o número de teléfono en 981 557 367.