Balidea lanza unha innovadora aplicación que capta e transmite vídeo en competicións deportivas
luns, 14 de decembro do 2015
Balidea,
empresa galega do sector das Tecnoloxías da Información e da
Comunicación (TIC), atópase detrás da creación de ADESTRapp,
un produto de captación, transmisión e análise de vídeo aplicado
a contornas de competición, adestramento e arbitraxe. Cómpre
subliñar que para facer realidade esta aplicación Balidea contou
coa axuda de profesores da Facultade de Ciencias do Deporte e a
Educación Física (INEF Galicia) da Universidade da Coruña, Ángel
Vales e Alberto Areces. E indo ao miolo de ADESTRapp, esta ferramenta
permite a edición personalizada de vídeos, o que posibilita a cada
usuario a xestión de xeito individual das imaxes: repeticións,
rebobinado, velocidade, zoom, ver a imaxe retardada... así como
realizar o corte dos vídeos do seu interese para a súa posterior
descarga e almacenaxe.
Outra característica
fundamental é que estamos perante un sistema totalmente autónomo,
non precisa de cableado de ningún tipo, aliméntase de maneira
autónoma e funciona con tecnoloxía Wi-Fi propia. Estas
características, amais das súas escasas dimensións e peso (apenas
400 gramos e do tamaño dun móbil), fano accesible en múltiples
contornas: adestramento, partido de competición, axuda á arbitraxe,
etc.
Emporiso, ADESTRapp xa foi
probado en diversas contornas de adestramento e competición. O
pasado día 21 de novembro o R.C. Deportivo (no derbi contra o Celta
de Vigo) estreábase co sistema ADESTRapp en competición oficial.
Con todo, a primeira contorna
na que se empregou o sistema ADESTRapp foi o fútbol praia, a través
da figura de Ramiro Amarelle, adestrador do F.C. Barcelona deste
deporte. Amarelle participou desde o inicio do proxecto na definición
e validación das funcionalidades do mesmo, empregando a versión
Football Training
en diversas actividades de fútbol praia.
Outro deporte no que o uso de
ADESTRapp deu moi bos resultados foi o judo. A nivel de
adestramento, o Judo Club Coruña, comezou a usar este sistema o
pasado verán.
O Santiago Futsal, equipo de
División de Honra patrocinada por Balidea, é outro dos equipos que
emprega o sistema ADESTRapp.
