Baiona convértese estes días na capital mundial da aprendizaxe cognitiva

martes, 29 de maio do 2012 Raquel Noya

80 expertos internacionais reúnense ata o vindeiro mércores na vila pontevedresa

Estes días estase a celebrar en Baiona o III Workshop on Cognitive Information, que reúne na vila galega a 80 investigadores procedentes de Grecia, Estados Unidos, Turquía, Brasil, Dinamarca, Reino Unido, Portugal, Italia, Israel, Francia, Alemaña e China, para achegar os seus coñecementos do eido da aprendizaxe congnitiva.
O evento, que organiza o Grupo de Procesado do Sinal en Comunicación, da EE de Telecomunicación da Universidade de Vigo, converte a Baiona no “epicentro mundial das ferramentas de aprendizaxe congnitiva”, segundo informa o DUVI nas súas páxinas.
A primeira edición deste evento tivo lugar en Santorini en 2008; a segunda na Illa de Elba (Italia) no 2010; e esta terceira, que se está a celebrar en Baiona, achégalle ao noso país a oportunidade de mostrar os seus avances en materia de ferramentas de aprendizaxe cognitivo, en palabras do catedrático Fernando Pérez, director de Gradiant e máximo responsable deste grupo de investigación, “un termo amplo e moi novo, aínda en evolución, que abrangue varias subdisciplinas e se centra en todo o relacionado coa aprendizaxe automática”.
Durante estes tres días os 80 expertos porán en común as súas achegas e avances sobre os sistemas de algoritmos que as máquinas aprenden de xeito automático.
Por unha banda, e sempre segundo o DUVI, traballarán sobre a aprendizaxe avanzada das máquinas, os algoritmos que se empregan e que lle outorgan a capacidade de clasificar obxectos ou discernir conceptos, algo que por exemplo “está a dar moi bos resultados e que emprega Google”.
Tamén abordarán todo o que ten que ver coa radio cognitiva, e as condicións de aprendizaxe-máquina referidas ao uso máis eficiente do espectro radioeléctrico.
O encargado de impartir a conferencia inaugural o pasado luns foi o profesor Shigeru Katagiri, da Universidade Doshisha, de Xapón.

PUBLICIDADE