As redes sociais: unha moda pasaxeira?
mércores, 6 de abril do 2011
Cada día publícanse en todo o mundo máis de 140
millóns de tweets e sobre millón e
medio de elementos en Facebook (entendendo por elementos os comentarios, os
estados, as publicacións de fotos, vídeos, as aplicacións de xogos… e todo
canto esta rede social nos permite subir). A isto hai que engadirlle os máis de
1,6 millóns de blogs que se postean
cada día e os 60.000 websites que se
publican na Rede de todo o mundo.
Segundo un estudo que publicou recentemente
Elogia Media sobre o uso dos social media
en España, “o 70 por cento dos
individuos contactados en 2010 son usuarios de redes sociais”, cando esta
cifra en 2009 era do 51 por cento e en 2008 non chegaba ao 40 por cento (37, 9
por cento).
Nos últimos anos, debido sobre todo a unha arela de
buscar novas formas de comunicarnos cos demais (máis dinámicas e interactivas)
o uso das redes sociais incrementouse a un ritmo de vertixe.
Unha das razóns é que a través destas
ferramentas, os internautas temos a posibilidade de interactuar tanto cos nosos
amigos e coñecidos como con outras persoas ás que non coñecemos, coas que sen
embargo, compartimos máis gustos, afeccións e intereses que con ningunha outra
persoa do noso contorno real.
Alá polo ano 2002 xurdiron os primeiros sitios
que fomentaban as redes de amigos, que se fixeron populares no 2003 coa
aparición de Friendster, Tribey ou Myspace, entre outros.
Porén na actualidade, o sitio social que está a
gañar maior popularidade e subscritores en todo o mundo é Facebook, que continúa
imparable a súa marcha achegándose á meta dos 700 millóns de usuarios
(agardada para xuño deste ano).
Youtube e Tuenti son a segunda e terceira rede social máis visitada
respectivamente, ás que lle segue Twitter,
que tan só nun ano triplicou a súa notoriedade, pasando de 17 a 50 puntos porcentuais,
segundo datos achegados por Elogia Media.
As redes sociais aliméntanse dunha inxente masa
de persoas que demandan amosarlle ao mundo o que acontece nas súas vidas, ou
mesmo unicamente o que lles pasa pola cabeza, de maneira que, case sen
decatarnos, estas ferramentas convertéronse paseniño nun peculiar medio de
comunicación interpersoal, e na máis inmediata fonte de información
especializada que existe.
Xa que logo, alén das súas vantaxes no eido
profesional e do seu atractivo para o lecer, estas ferramentas virtuais
permítennos coñecer de primeira man, cousas tan variadas como o estado de ánimo
dos nosos amigos, as amizades dos nosos coñecidos ou os novos lugares de
residencia de antigos veciños, así como a situación sentimental de cantos nos
rodean ou as películas preferidas das persoas que admiramos.
Todo isto, para ben ou para mal, é o que máis
actividade acapara actualmente nas redes sociais, e gústenos ou non, é o que
lle dá vida a este novo fenómeno social cuxo futuro e utilidade esta nas nosas
mans.