As redes sociais e Internet fallan no fornecemento de contidos en galego á mocidade
luns, 10 de abril do 2017
O
Consello da Cultura Galega vén de publicar un informe sobre as
actitudes da nosa xuventude acerca da lingua galega. A investigación
Prácticas
e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia
fíxose en base a entrevistas a mozas e mozos de entre 15 e 25 anos,
sendo unha das súas máis salientables conclusións unha visión
positiva da nosa lingua entre as persoas da devandita franxa de
idade, tanto
entre as galego-falantes como entre as castelán-falantes.
Significa isto que o galego goza de boa saúde ou de agoiros
positivos para o seu futuro? Pois
non, xa que
unha cousa é o que opina a xente del e outra ben diferente e o seu
uso (cada vez máis minoritario). O estudo sinala, a respecto do
devandito, que un dos principais problemas é a falta de transmisión
xeracional. Este proceso de desgaleguización aplícase tamén ás
redes e, en xeral, ás ferramentas da Sociedade do Coñecemento, que
fallan á hora de garantir a achega de contidos no noso idioma.
Amais
de todo o mencionado, no informe sinálase que a
mocidade manifesta ter un “comportamento lingüístico
acomodaticio” nos contactos coas súas amizades, o
que significa que hai unha clara tendencia a empregar opcións
maioritarias, ou sexa, neste
caso en concreto,
a opción do castelán.
“Os mozos non se identifican co galego estándar dos medios de
comunicación, chegando a dicir que na escrita séntense máis
cómodos en castelán”, sinálase
no estudo, achegando uns datos que son perfectamente aplicables aos
ámbitos dixitais.
Respecto
ao comportamento de quen tería na súa man garantir unha maior
presenza do galego no día a día da rapazada, os medios, o estudo
indica que o panorama actual “indica unha
pobre exposición ao galego nos medios de comunicación desde a
infancia ata o presente”. De
feito, todo indica hai que existe máis predisposición cara ao
emprego da lingua entre a mocidade que entre o ámbito mediático. Así,
só a radio, a TV e os soportes escritos en papel chegan a unha media
de cinco, nunha escala de 0 a 10, estando os concertos e o teatro no
4,5. Pola contra, a presenza do galego na música, nas redes sociais
e na Internet apenas supera os 3 puntos. “Isto”,
explícase,
“confirma a pequena presenza e significado do galego nos medios de
comunicación e nas redes sociais, incluso entre os segmentos da
mocidade que teñen maior contacto social con eles ou que os utilizan
máis”.
Outro
capítulo da investigación indica que, tomada
en conxunto, a mocidade galega manifesta “un consumo baixo de
medios en galego (radio, televisión, música, libros, xornais, redes
sociais, Internet)”, especialmente aqueles mozos e mozas que usan
menos esta lingua, mais tamén entre os/as que se declaran
consumidores/as habituais de medios. O
estudo engade que “algúns,
sobre todo os/as monolingües en galego, critican a falta de
autenticidade do galego que se emprega nalgúns casos”.
