As mulleres constitúen o 35,1% dos traballadores do noso sector TIC

luns, 29 de febreiro do 2016 Redacción

Temos nova investigación sobre o sector tecnolóxico-dixital galego visto dende a óptica laboral. Máis polo miúdo, visto dende a óptica das mulleres. A primeira e máis importante conclusión que se extrae do novo informe do Observatorio da Sociedade da Información (OSIMGA, dependente da axencia AMTEGA), o informe As mulleres no sector TIC (edición 2015), é que existe unha fenda de xénero que cómpre combater e cuxa existencia (un problema que vén de antigo e que atinxe a unha chea de sectores) choca de cheo co feito de que esteamos ante un sector, o das novas tecnoloxías, que é relativamente novo e que nas súas metodoloxías profesionais asume unha chea de conceptos de progreso e vangarda. En termos concretos, en 2015 as mulleres representaban o 35,1% do total dos traballadores no tecido TIC galego. Cifras moi semellantes ás de 2014.
Polo tanto, a fenda de xénero sitúase en 29,8 puntos porcentuais. Segundo se fai saber no informe, no sector contidos é onde se rexistra a menor fenda de xénero, cunha porcentaxe de traballadoras do 41,5% fronte ao 33,1% do sector TIC.
En termos evolutivos, a afiliación á Seguridade Social no tecido produtivo tecnolóxico-dixital incrementouse no último ano en 1.195 persoas (un 6,1%), aumento derivado exclusivamente do sector TIC, onde o número de afiliados incrementouse en 1.283 persoas (un 8,9%). Porén, detállase na investigación, “este significativo aumento do emprego do sector TIC non se traduciu nunha diminución da fenda de xénero, que se mantén en termos similares ao ano 2014”.
En canto ao emprendemento, hipersector rexistra un 27% de presenza feminina no réxime especial de autónomos do hipersector TIC (1,2 puntos porcentuais menos que no ano anterior). “Tanto no sector TIC como no sector contidos”, detállase na investigación, “a fenda de xénero é superior no ámbito dos emprendedores (autónomos/as) que no caso do réxime xeral”. Saliéntase que no sector contidos, a presenza de mulleres emprendedoras é 5,7 puntos porcentuais superior ás emprendedoras do sector TIC.
Como dixemos, o sector contidos é novamente o que rexistra unha maior paridade entre homes e mulleres, aínda que a balanza continúa a favor do xénero masculino. A porcentaxe de mulleres neste sector sitúase no 41,5%, incrementándose no último ano en 0,8 puntos porcentuais e diminuíndo a fenda a 17 puntos porcentuais.
No caso do sector TIC a porcentaxe de mulleres sitúase no 33,1%, unha cifra que ven descendendo de maneira paulatina ano a ano. Dentro do sector, o eido das telecomunicacións é o que conta cunha maior porcentaxe de mulleres entre os seus traballadores, acadando un 36,6%.
No que se refire á formación académica, o 34,9% dos traballadores do sector TIC son homes que contan con formación TIC de grao medio ou superior, mentres que só o 11,2% dos traballadores son mulleres que dispoñen da mesma formación académica. O estudo salienta igualmente “a significativa fenda existente” en canto a presenza nas empresas de mulleres con ciclos formativos superiores TIC: 16,6% de homes fronte a tan só un 2,7% de mulleres.
Polo que atinxe ás áreas funcionais das compañías do sector tecnolóxico galego, “a presenza de mulleres e homes tampouco é homoxénea”. Nun plano máis detallado, só o 13,7% das mulleres que traballan no sector desenvolve funcións TIC, fronte ao 51,8% dos homes. En relación ao persoal non dedicado a tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (12,1%) é só 1,3 puntos inferior á dos homes (13,4%)
A porcentaxe de mulleres directivas nas empresas TIC galegas sitúase no 18,6% e a fenda dixital no persoal dedicado a I+D+i acada os 66 puntos porcentuais.