As empresas de Galicia Open Future deron a coñecer o seu elevado potencial na inauguración do centro de crowdworking
venres, 12 de decembro do 2014
Na
inauguración oficial da aceleradora de empresas TIC Galicia
Open Future, da que falamos
en detalle este mércores dende Código Cero, achegouse tamén
punto de vista dos directamente implicados neste centro de
crowdworking
impulsado por Telefónica e AMTEGA: os responsables das empresas
aceleradas, asesoradas e fortalecidas. Foi despois das citas cos
presidentes da Xunta e de Telefónica, Alberto Núñez Feijóo e
César Alierta, e desenvolveuse no miolo mesmo da factoría TIC
emprazada en Gaiás, ou sexa no espazo onde traballan, comparten
impresións e afinan puntería as 50 iniciativas empresariais
seleccionadas por Telefónica para adherírense a Galicia Open
Future.
Alí
tivemos ocasión de coñecer en detalle as principais motivacións
dos expertos que traballan día tras día cos emprendedores galegos
(“a nosa principal motivación é que os proxectos que apoiamos se
convertan en realidades”) e os obxectivos e estratexias dunha parte
dos proxectos acelerados (por motivos lóxicos de tempo e
dispoñibilidade, non houbo marxe para que o medio centenar de
iniciativas se dese a coñecer).
Abriu
a quenda de presentacións Débora Franco, co-fundadora de Monet
Tecnoloxía (monet-ti.com),
empresa recentemente distinguida co Premio Novo Emprendedor que
concede a asociación AJE Vigo.
Posta en marcha por tres enxeñeiros de Telecomunicación, céntrase
en boa medida na investigación e desenvolvemento de novos produtos e
servizos tecnolóxicos para o sector vitivinícola. Por exemplo: unha
plataforma web que
permite que as adegas poidan controlar o viñedo desde calquera
dispositivo móbil. Con este recurso, fixo saber Débora, unha
explotación de viño ten na súa man un control total sobre os
parámetros ambientais que atinxen á uva e a súa calidade final. Ou
sexa, que o responsable dunha empresa vitivinícola ponse en
situación de predicir calquera risco relacionado cos seus viñedos,
de xeito que terá marxe de abondo para aplicar as medidas
fisiosanitarias preventivas que considere axeitadas. Débora abriu a
súa presentación lembrando aos presentes que España é líder en
produción mundial de viño, pero todas as empresas (moitas)
comparten dende antigo o mesmo problema: Como diferenciarse entre
tanta oferta? “Aí entra en xogo Monet coas súas tecnoloxías”,
explicou, ao tempo que engadiu que arestora a empresa conta con sete
clientes de todas as Denominacións de Orixe galegas, sendo o seu
obxectivo afianzarse no sector estatal e máis no francés, o
italiano e o portugués.
Na
xeira de relatorios e presentacións tamén participou Avelino Correa
presentando CreaAppcuentos (creappcuentos.com),
a aplicación galega para dispositivos con Android e iOS que permite
a materialización de contos ou historias dun xeito sinxelo e, sobre
todo, creativo. Correa lembrou que a iniciativa xurdiu cando se
decatou, lendo contos á súa filla, da comenencia de actualizar
determinados relatos á realidade actual, do mesmo xeito que se
actualizan moitos outros recursos ou elementos culturais e
tecnolóxicos. Con CreaAppcuentos, dixo, en parte ofrécese a
oportunidade: a oportunidade de refacer o antigo (en ocasións
desfasado ou inoportuno) ou de facer dende cero. Achégase tamén a
ocasión de facelo en calquera lingua, sendo o conto en si mesmo o
eixe arredor do que se vertebra a iniciativa todo. “Os contos
seguen a ser ferramentas idóneas para trasladar cultura”, dixo.
A
continuación foi a quenda de Rodrigo Garrido, responsable de
Stukers (stukers.com), empresa
que adica os seus esforzos a achegar tecnoloxía para facilitarnos ao
máximo a procura dunha vivenda compartida. O servizo, de especial
interese para estudantes ou xente nova que queira independizarse, pon
preto do usuario as persoas da comunidade en liña “máis
potencialmente idóneas coas que compartir piso”. Ou sexa, aquelas
coas que o usuario tería, definitivamente, máis cousas en común.
“Non queremos que a xente atope só a vivenda que máis lle guste,
senón á xente coa que se sinta mellor, a máis acaida”, sinalou
Rodrigo, que tamén lembrou que Stukers ten arestora 2.300 pisos
rexistrados e máis de 5.000 usuarios, amais dun importante número
(que medra por segundos) de casos de éxito.
Por
último, os participantes na presentación oficial de Galicia Open
Future tiveron ocasión de coñecer a actividade de consultora en
enxeñaría Ephytech, unha
spin-off
da Universidade de Vigo (grupo de investigación de Física
Ambiental), presentada no centro de emprendemento de Telefónica polo
seu co-fundador Anxo Barreiro, quen informou que o obxectivo da súa
iniciativa é dar solucións útiles para as empresas de sectores
como a enxeñaría ou a construción. Para isto, Ephytech pon á súa
disposición recursos innovadores como por exemplo un pioneiro
simulador de fluídos que axiliza, rendibiliza e optimiza o traballo
dos profesionais destas empresas, xeralmente de gran complexidade. “A
nosa ferramenta”, explicou, “salienta porque é de baixo custe e
contribúe, e moito, a acurtar os procesos de produción”. Por
certo que o software de simulación de Ephytech está a ser usado a
día de hoxe por empresas de primeira liña internacional, tanto dos
sectores da enxeñaría marítima e civil como tamén das enerxías
renovables.
Volvendo
a Galicia Open Future, lembrar que comezou a súa andaina en setembro
e que dá acubillo a medio centenar de empresas innovadoras do sector
TIC. Polo tanto, o que se deu a coñecer este mércores 10 foi, en
realidade, unha pequena parte do seu amplísimo potencial. Amais das
empresas devanditas, forman parte da aceleradora de Telefónica as
seguintes empresas: 2DApp, App G Iuris, Audiobeesual, Automatic
Parallelization of Sequential Codes, Avalingua, Barkibu, Bluscus,
Centro Presupostos de Obras e Servizos MultiSectorial, Crops Signs,
Dam it!, Deicom Retail, Deskally, Elijomisartistas, Entránsito,
Eyedvisor, Gameleon, Garagapp, Gestor de Competiciones y Actas
Federativas, HelpPark, Imbolc, Keyless Home, Loom, Miúdo, Mueve tu
vida, Muralshopping 3D, Parkapp, Photoway, Plataforma de intercambio
e comercio electrónico con Bitcoin, Popcomp, Print & Digital
Handys, Proxecto FX, Readmusync, RelEYEble, Saborplace, Sedaqua,
Servando, Situm, Sistema de Gestión de Atención Temprana, Torus,
Trendonme, Ubiplay, Vidahora, VirtualPlanet360, Wave Technologies,
Weadress, WeKAb e Weknow.
