As empresas da Tecnópole reciben asesoramento de balde sobre propiedade industrial
xoves, 19 de xuño do 2008

- Salustiano Mato e Alejandro Klecker de Elizalde durante a sinatura do convenio
O director xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria, Salustiano Mato de la Iglesia, e o director xeral da consultora Clarke, Modet e Compañía, Alejandro Klecker de Elizalde, veñen de asinar un convenio de colaboración mediante o cal as empresas da Tecnópole poderán contar con asesoramento de balde para cuestións relacionadas coa propiedade industrial.
Esta actuación está relacionada co interese do dito parque ourensán por ofrecerlles ás súas firmas as ferramentas necesarias para que xestionen “axeitadamente” a protección da súa propiedade industrial e intelectual, os dereitos vinculados e as subvencións asociadas.
O convenio abrangue, asemade, o desenvolvemento de xornadas divulgativas sobre o tema para contribuír á posta ao día dos coñecementos dos empresarios e emprendedores do complexo tecnolóxico sobre estes recursos.
Mato anunciou que a alianza con esta consultora débese a que “está especializada, entre outras cousas, no asesoramento, xestión e tramitación de patentes, marcas, deseños industriais, dereitos de autor, contratos de transferencia de tecnoloxía, know-how e secretos industriais, dominios e, en xeral, calquera dereito relacionado coa propiedade industrial e intelectual” e conta cunha rede de oficinas propias en España e de filiais en Portugal e Iberoamérica.
Os servizos de balde contemplados no acordo, que terá unha vixencia inicial dun ano, inclúen o asesoramento previo sobre os requisitos necesarios para a tramitación do rexistro de marcas e patentes nacionais, comunitarias e internacionais, información para a solicitude de rexistro dun dominio en Internet, asesoramento no rexistro da propiedade intelectual...
As empresas da Tecnópole terán acceso ao asesoramento por vía telefónica ou correo electrónico, pero poderán solicitar tamén consultas presenciais que serán atendidas in situ por persoal especializado de Clarke, Modet e Compañía. Para o resto de actuacións derivadas, nas que se desenvolva xa un traballo de xestión e de tramitación, as empresas terán un desconto do 10% sobre as tarifas habituais.
