Anker presenta novos cargadores portátiles na feira IFA
xoves, 5 de setembro do 2024
Entre os días 6 e 10 de setembro ten lugar en Berlín unha nova edición da feira IFA, e moitos fabricantes aproveitan a ocasión para amosar os seus vindeiros lanzamentos, como é o caso de Anker, compañía que prepara varios dispositivos de carga bastante interesantes, entre os que chama especialmente a atención a nova base de carga portátil MagGo 3 en 1.
Falamos dunha fita que une tres elementos de carga sen fíos facilitando o seu transporte. Concretamente incorpora un cargador Qi 2 de 15 watts nun extremo, un cargador de 5 watts para Apple Watch no outro, e un cargador Qi de 5 watts no medio (contando este último cunha entrada de corrente USB-C.
Deste xeito podemos ter un cargador que pode transportarse ocupando moi pouco espazo, pero que permite a carga sen fíos de varios dispositivos á vez, como poderían ser un iPhone, o estoxo duns auriculares e un Apple Watch.
Precisamente pensando na carga do Apple Watch tamén resulta rechamante a última batería portátil de Anker, a 30W MagGo, que semella unha actualización da actual batería externa 3-en-1 de Anker á que lle engadiron unha pequena base de carga retráctil para Apple Watch, converténdose nun produto moi atractivo para usuarios do reloxo de Apple, pois así evítase ter que empregar adaptadores adicionais para poder cargalo en mobilidade.
- O novo cargador 30W MagGo resulta moi práctico para usuarios dun Apple Watch