Ames aposta polo software libre para os servizos da súa administración

mércores, 1 de outubro do 2008 Raquel Noya

Ata un total de 165 veciños e veciñas do concello coruñés de Ames optaron pola xestión telemática para renovar a súa inscrición nas actividades deportivas municipais desta tempada, o que supón máis do 20 por cento das 800 persoas que forman este colectivo.
O sistema en liña, que foi implantado por eLaboro no marco xeral da súa aposta polo software libre na administración amiense, foi ofertado por primeira vez neste concello e a súa acollida foi notoria.
Segundo os datos manexados pola empresa compostelá, que tamén xestionou as bases de datos dos rexistros presenciais, o total de usuarios dados de alta nas actividades chega a 1.626 persoas. Os usuarios que preferiron realizar a súa renovación da matrícula a través da xestión telemática, puideron facelo durante calquera hora do día e evitaron así as longas esperas que padeceron os veciños que optaron pola modalidade presencial.
O sistema implantado pola empresa eLaboro S.L. baséase nunha solución denominada Avante, que permite xestionar todo tipo de procedementos administrativos sen realizar desenvolvementos informáticos. Trátase dunha aplicación que xa está a ser empregada noutras unidades administrativas de Galicia, como a Xunta, e en concellos de dimensións destacables como Terrassa, en Barcelona.
A solución céntrase na xestión integral de expedientes administrativos na área de Cultura e Deportes e permítelle á poboación levar a cabo solicitudes e consultas de xeito telemático “con total seguridade e comodidade”. Asemade, a ferramenta permite reducir o número de arquivos administrativos, facilita o intercambio entre as distintas unidades de xestión e permite a consulta da evolución dos expedientes.
Ante a boa acollida do sistema, o concello de Ames baralla agora a ampliación da oferta telemática a outros servizos municipais, adiantándose así á normativa de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, que entrará en vigor no vindeiro 2010.