Alumnos do Instituto de Pereiro de Aguiar levan o seu proxecto antiincendios a Exporecerca Jove

xoves, 3 de abril do 2008 Raquel Noya

Os gañadores de Galiciencia da Tecnópole, uns mozos investigadores do Instituto Guillelme Brown do concello ourensán de Pereiro de Aguiar, van levar o seu sistema antiincendios á IX edición da Exporecerca Jove de Cataluña, unha exposición interactiva de traballos de investigación procedentes de diversos lugares de España e de todo o mundo que terá lugar os días 3, 4 e 5 de abril en Barcelona.
O equipo de participantes galegos gañaron o segundo premio da Galiciencia, a feira da ciencia galega organizada pola Tecnópole e financiada pola Consellaría de Innovación e Industria a finais do pasado ano, cun sofisticado sistema antiincendios baseado na instalación da calefacción que se atopa en proceso de patente e que será visible en Cataluña para rapaces de toda España e outros países como Bélxica, Brasil, Grecia, Turquía e Eslovaquia.
O devandito proxecto dos alumnos do Guillelme Brown competirá cun cento de traballos para conseguir como premio o pagamento da participación noutras mostras semellantes de carácter internacional como a Mostratec en Brasil ou a ExpoScience Europe (ESE) en Budapest.

PUBLICIDADE