Ábrese o prazo de inscrición para participar en Vigo nas xornadas sobre innovación JIET´07

martes, 17 de abril do 2007 Raquel Noya

Co obxectivo de consolidar a colaboración entre as universidades e as empresas e de promover o coñecemento das novas tecnoloxías nas institucións do noso país, nacen as I Xornadas sobre Innovación, Emprendemento e Tecnoloxía (JIET ´07), que se celebarán o vindeiro 25 de abril no Centro Social Caixanova de Vigo. Os organizadores do evento (a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros da Universidade de Vigo) pretenden apostar pola “difusión de valores como a confianza, a colaboración e o traballo en equipo na empresa” e válense (con esta finalidade) da colaboración de relatores senlleiros no dito sector da tecnoloxía como Salustiano Mato de la Iglesia, director xeral de I+D+i ou de Jose A. Delgado, director de IGAPE, entre outros.
Esta convención de expertos de JIET´07 chegará á súa fin coa participación de Richard E. Morley, un polifacético empresario, responsable da firma R. Morley Inc. e coñecido no mundo enteiro como o “inventor do autómata programable”.
O seu relatorio xirará arredor da Xestión da innovación e emprendemento.