Aberto o prazo para presentar propostas ao Culturgal máis innovador

mércores, 4 de setembro do 2013 Redacción

Comezan xa os preparativos da gran feira da cultura galega, Culturgal, que como cada ano amosa o máis salientable das novidades da nosa industria e, no que aos lectores de Código Cero se refire, os moitos acubillos tecnolóxicos nos que se afianzan, amosan e distribúen os nosos produtos culturais de mercado. Culturgal 2013, para os que non o saiban, celebrarase unha vez máis en Pontevedra, do 29 de novembro ao 1 de decembro. Arestora, segundo se informa na Rede, xa está aberto o prazo (ao longo dun mes) para recibir propostas de proxectos e actividades. O prazo remata pois o 3 de outubro.
ata ese día, a organización da feira estudará e valorará as achegas que fagan empresas, colectivas, profesionais, creadores ou entidades culturais de diversa índole, facendo fincapé no factor innovación que, en maior ou menor medida, será común a todas as propostas. A idea é crear unha lanzadeira de novas iniciativas que sexa, perante o mundo, unha xanela común e simultánea. A páxina da feira, unha conta atrás, amosa tamén as metodoloxías empregadas para participar nesta edición.