ABANCA Innova busca fixar talento tecnolóxico en Galicia

xoves, 26 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Esta mañá ABANCA presentou unha nova iniciativa que pretende apoiar ao tecido produtivo galego e fomentar o emprendemento tecnolóxico con aplicación ao sector financeiro (fintech, insurtech e regtech), ABANCA Innova, que conta con instalacións de seu en POCOMACO (que operará como viveiro de empresas e espazo de coworking), facilitando así a visibilidade deste proxecto e que confían en que sexa «un centro de retención do talento», segundo palabras de Juan Carlos Escotet Rodríguez, vicepresidente de ABANCA.
Na presentación de ABANCA Innova tamén estivo presente o conselleiro delegado da compañía, Francisco Botas, quen detallou que xa hai compañías traballando no novo centro que ten como obxectivo «pór en marcha un programa estable, sustentable e colaborativo que impulse tecnoloxías emerxentes aplicables á prestación de servizos financeiros dende Galicia».
Escotet asegurou que «con este proxecto aunamos a nova vocación de dinamización da economía coa aposta polas tecnoloxías transformadoras que xa estamos aplicando no proceso de dixitalización do banco». Precisamente a entidade bancaria ten realizado un investimento en tecnoloxía superior aos 100 millóns de euros nos últimos anos, deixando claro que constitúe un eixe estratéxico para ABANCA.
Dende ABANCA Innova recibirán proxectos constantemente (ou sexa, que non se limitará a convocatorias pechadas), de xeito que seleccionarán os que mellor encaixen nas necesidades da entidade, cun proceso de investimento en dúas fases: na inicial (seed-capital) ABANCA aportará financiamento na modalidade de préstamo participativo a diferentes proxectos tecnolóxicos en proceso de creación, entres os que seleccionará a varios para unha segunda fase (start-up), na que o nivel de madurez dos proxectos lévoas a poder afrontar a súa constitución.
En total ABANCA Invest pretende canalizar inicialmente ata 10 millóns de euros a través desta iniciativa que non só conta co apoio financeiro de ABANCA, senón que tamén ofrecerá asesoramento en materia de xestión. O programa busca contribuír á estruturación de proxectos emprendedores dende o punto de vista empresarial, para a súa operación no mercado, e tamén posibilitar a maduración da idea proposta polos emprendedores ata a implantación dun produto ou servizo resultante na operativa do banco.
Para a detección e o impulso do talento tecnolóxico galego ABANCA colaborará con emprendedores e centros universitarios, entre os que destaca o Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE), mentres que ABANCA Innova servirá como espazo de ideación que permita a estudantes desenvolver as súas ideas e proxectos de fin de carreira. Tamén será escenario de centros de excelencia en tecnoloxías emerxentes, realizará accións de formación e mentorización, e colaborará con redes de difusión de coñecemento.
O Centro ABANCA Innova é un moderno edificio cunha superficie total de 670 m2, 10 espazos de entre 18 e 76 m2 e 32 postos de coworking, claramente deseñado como un lugar ideal para xuntanzas e xornadas de traballo intensivas. As instalacións deixan clara a súa vocación innovadora a través dos nomes que reciben as distintas salas, que homenaxean a figuras dos alicerces da informática como Alan Turing e George Boole, a grandes mulleres da historia da informática como Ada Lovelace e Grace Murray Hopper, e a figuras da innovación moderna como Elon Musk, Linus Torvalds, Steve Wozniak e Tim Berners-Lee.

ABANCA Innova conta con distintos espazos para facilitar a colaboración