A web de MeteoGalicia habilita unha sección de consultas da climatoloxía en tempo real
martes, 6 de abril do 2010
Visto
como está o tempo no que levamos de primavera, e logo de sufrir un dos peores
invernos do último lustro, as persoas que tiñan previsto facer o Camiño de
Santiago neste Ano Santo 2010, teñen que pensalo dúas veces antes de preparar o
macuto e sair das súas casas rumbo á capital galega. Porén para evitar isto e
permitir que os pelegríns poidan prever as inclemencias do tempo e iniciar o
camiño preparados, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas, a través de MeteoGalicia,
vén de por ao servizo dos cidadáns, a través da súa páxina web, unha zona
de consultas sobre as condicións meteorolóxicas das diferentes rutas que
conforman o camiño de Santiago.
A
través destas consultas os internautas poderán coñecer en tempo real a
situación climatolóxica de tódalas rutas do Camiño, así como ter datos sobre a
predición para o día da consulta e o seguinte.
Trátase
dun servizo de mellora que, segundo informan dende o Executivo, “ademais de representar unha actividade de
impulso e apoio ao Ano Xacobeo, ofrece unha nova variante de consulta do estado
meteorolóxico”.
Deste
xeito, os cidadáns que están a facer o Camiño de Santiago e a sociedade en
xeral poderán consultar os valores de temperatura, sensación térmica e un informe
meteorolóxico coa situación actual. Non obstante, para a predición, ademais da
información anterior, ofrecese a posibilidade de coñecer a temperatura máxima e
mínima e o vento previsto.
Asemade, os
responsables desta ferramenta en liña apostaron por levar a cabo actividades e accións de
divulgación e concienciación da meteoroloxía. Neste senso, na páxina web de
MeteoGalicia habilitouse un portal dedicado ás novas actividades en formación
meteorolóxica coa posibilidade de descargarse arquivos con recursos educativos.
Un dos
obxectivos dos responsables de MeteoGalicia é, segundo afirman, “achegar o mundo da meteoroloxía aos cidadáns”
e por iso, a través da páxina web, os colexios e os institutos de Galicia poden
descargar os formularios para solicitar unha visita ás instalacións a este
centro de predicións da Comunidade galega.
Outra das
iniciativas dirixidas á comunidade escolar de Galicia é a mostra ExpoMeteoro, que tamén se pode consultar
(a través dun documento pdf) no portal web de MeteoGalicia.
