Á venda novas entradas para o encontro Compostweets

xoves, 10 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Hai pouco menos dun mes adiantamos a celebración, en Santiago de Compostela, dunha xornada informativa dirixida a guiar aos empresarios e empresarias do noso país pola súa andaina na Rede, máis concretamente na rede social Twitter, que permite como ningunha outra ferramenta online que as empresas e entidades poidan desenvolver campañas completas de marketing e comunicación.
Pois ben, a organización deste evento, que dende o seu anuncio rexistrou unha gran demanda por parte do público galego (agotando as entradas dispoñibles nun tempo record), viuse na obriga de poñer á venda novas localidades, así como trasladarse ao Palacio de Congresos de Santiago de Compostela para así poder dar acollida a máis asistentes.
As novas entradas custarán igual que as anteriores: 10 euros se se adquiren antes do 18 de febreiro (30 € con dereito a comida) ou 15 euros se se adquiren posteriormente (40 € con comida).
As vías para adquirir as entradas tamén se manteñen sen variacións: mediante o abono no número de conta 01820677360200026620 ou ben mediante PayPal na propia web do evento.
A xornada dará comezo ás 09:45 coa inauguración oficial da man da secretaria de Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo e prolongarase ata as 18:30, con diversos relatorios e mesas redondas de recoñecidos profesionais.

PUBLICIDADE