A resposta de Samsung a Vision Pro podería custar preto de 2.000 euros

luns, 25 de agosto do 2025 Marcus Fernández

Samsung entrará de cheo no mercado da realidade estendida este outono coa chegada do seu visor Project Moohan, previsto para o 13 de outubro segundo a prensa surcoreana, aínda que os detalles sobre o produto (como o seu nome comercial) se darían a coñecer o 29 de setembro nun Samsung Unpacked. O dispositivo, desenvolvido xunto con Google e Qualcomm, estrearase primeiro en Corea do Sur e iniciarase logo unha despregadura progresiva a nivel internacional.
Comentan que este produto chegaría ao mercado para competir co visor Vision Pro de Apple (que probablemente conte en breve cunha segunda versión, que sería a que se poría á venda en España, onde o primeiro modelo permanece inédito). Estiman que o visor de Samsung tería un prezo de lanzamento de entre 2,5 e 4 millóns de wons (entre 1.548 e 2.477 euros).
O Project Moohan funcionará co procesador Snapdragon XR2+ de segunda xeración, integrará o asistente de intelixencia artificial Gemini e contará coa vantaxe de poder executar aplicacións dispoñibles na tenda Android, un aspecto que podería marcar a diferenza fronte a Vision Pro e Meta Quest, xa que partiría cun grande catálogo de aplicacións (aínda que non estivesen optimizadas para o seu uso nun contorno de realidade estendida). Con todo, Samsung recoñece que se trata dun produto de transición, concibido como paso previo á verdadeira aposta: as súas futuras lentes intelixentes.
Neste eido, a multinacional surcoreana prepara dous proxectos paralelos. Por unha banda, unhas lentes de realidade aumentada en desenvolvemento con Google, xa mostradas en maio, que integrarán tradución en tempo real e sincronización con servizos como Gmail e Google Maps, cun deseño a cargo da firma Gentle Monster. Por outra, unhas lentes propias sen pantalla, semellantes ás Ray-Ban Meta, que chegarían ao mercado tamén en 2026.
Samsung estima que en 2025 apenas venderá unhas 100.000 unidades do Project Moohan, fronte aos 40 millóns de smartphones Galaxy S25 que prevé colocar no mercado, pero é un avance nun mercado emerxente que pode ter un grande peso no futuro, de aí que sexa importante que a compañía surcoreana retome os seus esforzos neste eido (polo que fixera unha interesante aposta entre 2015 e 2019).