A privacidade, o potencial anti-COVID das tecnoloxías e os dereitos dixitais centraron o ciclo 2020 das Distopías Cotiás
xoves, 31 de decembro do 2020
O
ciclo
Distopías Cotiás, impulsado polo Concello da Coruña a través da
iniciativa tecnolóxico-social Coruña Dixital, pechou os días
pasados a súa edición 2020, unha edición que veu condicionada
pola COVID-19 e que, malia as moitas consecuencias que trouxo a
pandemia, non impediu que se celebrasen estes encontros distópicos
sobre como están a influír as novas ferramentas no noso quefacer
diario. O ciclo 2020 pechou en decembro cun interesante debate sobre
a Carta de Dereitos Dixitais impulsada polo Goberno. Nel participaron
Sofía Prósper, Santiago Saavedra e Pablo Castro, do colectivo
Trackula, pero tamén, a través do chat, as persoas conectadas en
directo á canle de YouTube
das Distopías, onde se pode ver a sesión por enteiro.
Segundo
lembran dende Coruña Dixital, Distopías Cotiás é un ciclo de
encontros mensuais co-organizados pola Rede Municipal de Bibliotecas
para reflexionar sobre “o impacto das tecnoloxías nas nosas”
vidas. Botou a andar de maneira presencial en xaneiro de 2020 na
biblioteca do centro Ágora, pero, tras declararse o estado de alarma
pola COVID-19, trasladouse ao espazo dixital.
A
primeira das sesións foi adicada, da man de Pablo Castro, a falar de
ética, privacidade e tecnoloxía. No mes de febreiro, coa avogada
María Cerviño, achegouse unha reflexión sobre como recuperar a
nosa privacidade. Xa en liña, trala pausa que provocou a situación
xerada pola pandemia, tomaron a palabra a analista Gema Galdón, que
afondou no emprego das TIC ante a crise da COVID-19, e máis Pietro
Marini, que falou sobre información a gran escala (Big Data)
e Intelixencia Artificial. Tamén participou en Distopías Cotiás o
profesor de comunicación política Víctor Sampedro coa súa
Dietética Digital ata chegar a sesión desta semana sobre a
Carta de Dereitos Dixitais.
Todas
as sesións de Distopías
Cotiás, tanto presenciais como en liña, están dispoñibles en
Youtube.
