A plataforma Freelancer defende o seu modelo de negocio para reducir o desemprego en toda España

mércores, 7 de agosto do 2013 Redacción

Poden ser as actividades ligadas á Rede unha panca que actúe en dirección contrario á tónica xeral de aumento de desemprego? Se facemos caso do que nos contan dende Freelancer con respecto ao seu caso concreto como plataforma de subcontratación en liña, si que pode ser. E para corroboralo, a plataforma publicou este martes as súas cifras de medre anual, nas que se amosa como aumentaron dous díxitos as súas cotas de inscrición en tódalas Comunidades Autónomas, o cal demostra, en palabras dos responsables do servizo, que o modelo que defende “funciona para reducir o desemprego e crear novos negocios, mesmo nas zonas máis deprimidas de España”.
Freelancer tamén informa que agarda que se cuadriplique este nivel de éxito no próximo ano grazas á apertura do mercado de fala hispana que “xerará múltiples oportunidades de negocio e traballo para os emprendedores e profesionais da península ibérica”. Volvendo ás cifras, a empresa salienta o aumento no número de inscricións, nun 55%, en áreas como a de Santa Cruz de Tenerife, especialmente afectada polo paro (a rentes dun 33%). Cifras semellantes acadáronse en Girona, Palma de Mallorca e Valencia. Nas cidades do noso país semella que o crecemento de inscricións tamén foi salientable, con Vigo e a súa taxa do 39% á cabeza. “As cifras”, engade Freelancer, “confirman que se poden atopar moitas oportunidades de traballo ou emprender online nunha gran variedade de sectores, que en xeral están máis relacionados coas tecnoloxías dixitais, aínda que non está limitado soamente a expertos do TIC ou a programadores”. Entre as 20 aptitudes máis demandadas que se atopan na listaxe publicada polo dito servizo, dúas das máis populares son tradución (10,3%) e entrada de datos (6,0%) seguidas por redacción publicitaria (4,59%) e deseño de logotipos (5,3%). Os traballos máis técnicos como o deseño de sitios web (6,57%) e a programación PHP (8,92%) seguen sendo algunhas das profesións máis demandadas, engádese.