A identificación de solucións tecnolóxicas que se adapten ás necesidades da empresa centrarán unhas xornadas no CDTIC

martes, 16 de setembro do 2014 Redacción

O Centro Demostrador TIC acollerá os días 23 e 24 de setembro o seminario Avaliación de proxectos libres para cubrir as necesidades TIC que se impartirá no CDTIC Galicia en horario de 16:00 a 20:00 horas. Ao longo destas dúas xornadas preténdese que os asistentes coñezan a importancia da elección dunha ferramenta TIC, xa que se trata dun proceso clave que ten un impacto directo no fluxo de traballo de calquera empresa e, nese sentido, pode supoñer unha importante mellora na súa produtividade.
Así mesmo, resulta frecuente que se atenda, principalmente, a criterios funcionais e de custos cando se afronta esta tarefa, mais os proxectos de software libre, pola súa natureza, permiten facer análises máis completas, coas que se poden ter en conta novos criterios relativos á comunidade que está detrás destes.
Por estes motivos, o programa do seminario inclúe, entre outros temas, a identificación de proxectos libres que poden cubrir as necesidades do cliente e a análise da súa madurez. Ademais, explicaranse métricas e indicadores para a avaliación de proxectos en base á información pública e criterios de apoio á decisión tecnolóxica.
Este seminario está destinado a persoal directivo, responsable ou técnico das empresas. O encargado de impartilo será Pablo Sanxiao Roca, enxeñeiro técnico en Informática e socio fundador de iCarto, empresa especializada en tecnoloxías da información xeográfica Open Source.