A galega Trocobuy consolídase como a alternativa financeira para empresas e emprendedores
martes, 3 de xullo do 2012
A plataforma galega Trocobuy, posta a andar
por Vigiliam a comezos de ano baixo o nome
de Trocobank, vén de consolidarse como a solución ideal para empresarios,
autónomos e emprendedores que buscan realizar operacións comerciais sen
necesidade de dispor de diñeiro en efectivo, ao contar xa coa participación de
máis de 1.200 empresas de todo o territorio nacional, e cun volume de crédito
total de 8,3 millóns de euros.
Este mercado alternativo,
que leva a cabo as súas propias operacións de compra-venda á marxe dos circuítos
bancarios tradicionais, atópase agora na súa segunda fase de desenvolvemento,
na que se introduciron melloras, se redeseñou a pantalla de acceso e se perfeccionou
o buscador, sendo agora máis efectivo.
Asemade, o sistema
permite ver, de xeito doado, a listaxe dos últimos produtos e servizos que entraron
a formar parte da plataforma, permitindo así entrar en contacto con novas
empresas e potenciais clientes cos que formar unha nova cadea produtiva.
A isto haberá que
engadirlle, en breve, a posibilidade de acceder á plataforma dende o teléfono móbil,
podendo realizar así as operacións comerciais con Trocobuy dende calquera lugar
sen necesidade de atoparse na oficina ou local comercial. No desenvolvemento
desta aplicación móbil está a traballar a
empresa galega TeixuAPPS, nunha mostra maxistral máis das sinerxías dos
proxectos empresariais tecnolóxicos logradas aquí en Galicia.
Trocobuy é un sistema
alternativo de crédito que o seu equipo responsable cualifica de “solidario, seguro e transparente”, o cal
funciona como un gran mercado multisectorial de empresas que compran e venden
produtos e/ou servizos sen necesidade de recorrer á tesourería.
A intención de Vigiliam
cando puxo a andar a plataforma non era outra que axudar aos empresarios e
emprendedores galegos a superar os seus problemas de financiamento (moi comúns
arestora lamentablemente), e conseguiuno grazas á súa aposta por crear cadeas
produtivas que permitían converter os activos correntes das empresas en
instrumentos financeiros. Deste xeito, cada partícipe pode adquirir neste
mercado os bens e/ou servizos que precise, “sen
recorrer á súa tesourería”, aseguran, coa confianza que ofrece o feito de
que tódalas entidades participantes desen a súa palabra de aceptación das
condicións.
O sistema, que se basea
na colaboración e solidariedade das entidades e suxeitos participantes, logrou
que moitas empresas puideran manter a súa actividade económica nun contexto de
crise económica sen precedentes no noso país, e continuará a súa actividade
ofrecendo vantaxes de financiamento “con
transparencia e seguridade”, aseguran.
