A exposición Galiciadixital estará en Campolongo ata o 19 de novembro

venres, 13 de novembro do 2009 Redacción

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, valorou hoxe durante a inauguración da mostra Galiciadixital na residencia de maiores de Campolongo (Pontevedra) que «os artífices da Galicia do presente» poidan gozar «da do futuro» grazas á exposición que permanecerá aberta ata o vindeiro 19 de novembro.
O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, acompañou no acto a Núñez Feijoo, e avanzou que nesta nova etapa a mostra poderase visitar en cinco residencias de maiores, cinco hospitais e catro concellos: Narón, Soutomaior, A Rúa e Redondela.
Feijoo destacou que esta exposición mestura «o que foi e é Galicia coa sociedade do coñecemento» e salientou que esta mostra pretender ser «a converxencia entre o arte a tecnoloxía».
O presidente da Xunta destacou a historia e o éxito de Galiciadixital, tanto na súa exposición itinerante como na permanente de San Martiño Pinario, e explicou que 600.000 persoas puideron gozar dela desde o ano da súa apertura, o 2000, ademais das 30.000 persoas que a visitaron nas 18 localidades onde se inaugurou a parte itinerante.