A consecución da administración electrónica, un paso máis cara o eGoberno
mércores, 30 de xuño do 2010
A subdirectora xeral de Sistemas de
Información e Modernización da Administración Pública, María José García Sexto, vén de
participar na Xornada sobre a
Modernización da Administración Autonómica de Galicia, organizada pola
Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa na que apuntou que a
Administración electrónica é unha demanda “xa
recoñecida como unha necesidade na nosa sociedade”.
Deste xeito, indicou que, a Xunta de
Galicia entende a Administración electrónica como unha actuación “orientada a ofrecer a cidadáns e empresas
uns servizos públicos máis eficientes e máis próximos utilizando as novas
tecnoloxías da información e das telecomunicacións”.
Nesta liña,
o Consello da Xunta aprobou o pasado mes de abril, o Plan de Modernización da Administración
Pública da Xunta de Galicia, dotado con 26 millóns de euros ata o 2013 co
obxectivo de acadar o desenvolvemento da Administración electrónica estendendo
o uso das tecnoloxías para ofertar novos servizos e mellorar os actuais,
acelerando a tramitación de procedementos e facilitando a participación e a
información da cidadanía en tempo real. O Plan, que recolle as accións
previstas para acadar o despregamento da eAdministración estrutúrase en catro
eixos de actuación, 12 áreas de traballo e 33 programas.
García
Sexto indicou, asemade, que o plan contempla como obxectivos prioritarios para
este ano a regulación normativa da eAdministración, a formación en TIC do
persoal da administración, a creación dunha oficina virtual institucional, e a
configuración dunha sede electrónica na que tramitar telematicamente tódolos
procesos administrativos.
Por outra
banda, as prioridades para o vindeiro 2011 son acadar que o 100 por cento dos
procedementos da directiva de servizos (aqueles procedementos vinculados a
emprendedores) e o 20 por cento das subvencións se xestionen telematicamente. A
consolidación da carpeta do cidadán e as empresas, que permite o acceso aos
trámites e documentación en poder da Administración son tamén obxectivos para o
vindeiro ano. Ademais, consolidarase o Sistema de Xestión de Persoal Unificado,
a Intranet, a Oficina do Empregado Público e os procedementos SERI (servizos de
resposta inmediata) telemáticos. As xestións coa Administración a través de
Internet preséntase como vía alternativa para axilizar os tempos de resposta ao
cidadán.
A
consecución da eAdministración suporá,
segundo afirmou, “un paso máis cara o
eGoberno, un concepto máis global que implica un novo modelo de relación entre
Administración, cidadanía e empresas que inclúe o soporte completo a todos os
procesos entre dispoñibles para os usuarios independentemente do lugar, momento
ou canle de comunicación”.
Sociedade da Información
A estratexia en materia de novas tecnoloxías da Xunta de Galicia abarca
un importante número de actuacións para situar á Comunidade no núcleo avanzado
da sociedade da información. Entre as medidas que se están a desenvolver, María
José García Sexto enumerou na súa intervención o Plan de Acción para o
Desenvolvemento da Sociedade da Información no 2010, que engloba o Plan de
Banda Larga, o desenvolvemento do eGoberno, a dinamización do uso das TIC e o
Plan Integral de Apoio ao sector TIC. Todas elas enmarcadas en 2014.gal Axenda
Dixital de Galicia, que
aglutina a estratexia en materia de novas tecnoloxías da Xunta e define as
actuacións para maximizar o potencial social e económico das TIC como peza
clave que axude a converter a economía actual nunha economía intelixente,
sustentable e integradora cun alto nivel de emprego, cohesión social e
territorial.
