A alianza pola M2M presenta unha solución para impulsar definitivamente esta tecnoloxía

martes, 17 de decembro do 2013 Redacción

Hoxe soubemos dun novo paso para propiciar o medre das comunicacións M2M en todo o mundo. Máis polo miúdo, o paso foi dado pola M2M World Alliance, composta por Etisalat, KPN, NTT DOCOMO, Rogers, SingTel, Telefónica, Telstra e VimpelCom, que presentou oficialmente este martes a súa solución para simplificar e promover a adopción de comunicacións máquina a máquina (M2M) en todo o mundo. Esta solución tirará proveito da presenza global combinada dos operadores, permitindo ás compañías gozar de conectividade en toda a área de cobertura da alianza con tarifas de mercado interno. Asemade, o acordo perfila un cumprimento máis sinxelo das regulacións nos mercados locais e a posibilidade das multinacionais para prestar apoio técnico mundial dun mercado único.
“Cremos que a nosa solución única e uniforme impulsará un rápido crecemento na adopción das comunicacións M2M en todo o mundo, dando aos nosos clientes a capacidade de operar dispositivos conectados en todo o mundo a un custo reducido”, comenta Ángel David García Barrio, presidente de M2M World Alliance. E engade: “Con operacións en máis de 60 países, a presenza global da alianza presenta ás organizacións multinacionais un enfoque uniforme para despregar dispositivos conectados en varios países ao mesmo tempo”.
Lembrar que as comunicacións M2M establécense cando as máquinas conéctanse e intercambian datos con infraestrutura de tecnoloxía da información. Para unha boa parte dos expertos en telecomunicacións, trátase do último chanzo na evolución de Internet. Neste chanzo temos o seguinte panorama: un ciberespazo que se estende alén dos límites tradicionais dos computadores para conectarse a calquera dispositivo cun microprocesador. Ou sexa, que calquera aparello da nosa vida cotiá, mesmo nós menos nun futuro próximo, será quen de ter acceso á Rede. Polo de agora pénsase principalmente, iso si, en ámbitos como os vehículos, o tráfico, a electrónica de consumo, as consolas de xogos, a seguridade ou a saúde.
Segundo apunta Telefónica, membro da alianza, estímase que as conexións globais de M2M medrarán desde aproximadamente os dous mil millóns da actualidade ata acadar os 18.000 millóns en 2022, de acordo cun estudo de Machina Research.