A aceleradora de R lanza os seus primeiros cinco retos tecnolóxicos
martes, 11 de decembro do 2018
A
aceleradora de proxectos tecnolóxicos de R, Startups DiCo Challenge,
xa comeza a facer ruído. A iniciativa, unha palestra de propostas de
contidos dixitais para xerar emprego e impulsar a nosa innovación
TIC, lanzou hoxe
os seus primeiros cinco retos para emprendedores e empresas galegas:
cinco desafíos sobre como enriquecer contidos deportivos, sobre
aplicacións para Android TV, sobre contidos formativos e
divulgativos innovadores, sobre información a gran escala (Big
Data) aplicada ao consumo televisivo e sobre outras propostas
tecnolóxicas abertas. As ideas xa se poden presentar a través do
formulario habilitado na web da
aceleradora, ata o 8 de febreiro.
Como
lembraremos, a
palestra Startups R DiCo Challenge foi presentada o pasado 27 de
novembro na Coruña, nunha cita que tamén contou coa presenza a
axencia autonómica AMTEGA, que tamén colabora na iniciativa (a
través do programa DiCo Mindset). Segundo se fixo saber daquela, o
obxectivo é que R sexa aceleradora, acubillo, lanzadeira, academia
formativa e mesmo beneficiaria das achegas innovadoras. Buscarase, de
feito, facer rendibles as propostas que xurdan de DiCo Challenge e
atoparlles unha saída áxil e eficaz ao mercado, “mesmo con R como
primeiro cliente”.
Respecto
dos cinco primeiro retos que abrollan da aceleradora, están
dirixidos a emprendedores e empresas novas ou consolidadas. O
primeiro dos desafíos convoca ás nosas firmas innovadoras para
achegar sistemas que enriquezan os contidos deportivos. “Trátase
de lle tirar partido ás posibilidades dos datos e de Internet para
conseguir experiencias intensificadas na contorna do deporte na
pantalla: xogos, publicidade, sincronización con aplicacións,
elección de cámara...”, informou R.
Respecto
do segundo desafío, procura aplicacións para Android TV: tanto no
que se refire á vertente de contidos xerados pola comunidade de
usuarios (por exemplo, os vídeos compartidos) como no ámbito do
gaming, os xogos e as competicións en streaming dende
a tele.
O
terceiro dos convites consiste nunha proclama a elaborar solucións
para sermos quen de divulgar e formar ás persoas aproveitando todas
as posibilidades do universo dixital: realidade aumentada, simulación
tridimensional, audiovisual, videoxogos, televisión conectada, etc.
O
cuarto reto, patrocinado pola Televisión de Galicia, consiste nun
chamamento a desenvolver ferramentas baseadas nos datos a gran escala
para o consumo televisivo. Con este convite, búscanse ideas para
“recoller, ordenar e aproveitar os datos cara un consumo televisivo
intelixente que nos permita tomar decisións informadas”, informan
R e a TVG.
O
quinto e último desafío é o chamado reto aberto, pensado para “os
máis innovadores”, aos que non seducen os retos anteriores. A
única condición que se esixe neste caso é que os proxectos
acheguen “algo novo” no eido dos contidos dixitais (realidade
aumentada, Internet das Cousas, aplicada a contidos dixitais,
ferramentas de animación...)
Na
web da aceleradora pode consultarse xa toda a información sobre os cinco retos de
startups R DiCo Challenge, que se poden presentar ata o 8 de
febreiro a través do formulario habilitado na páxina. Un comité de
avaliación seleccionará, nunha primeira fase, 20 candidatos do
total de participantes que se presenten, e nunha segunda elixiranse
os 5 proxectos definitivos. Os seleccionados recibirán sesións
formativas durante varios meses e terán á súa disposición
cadanseu mentor e a axuda económica da AMTEGA para afrontar os
gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos. Ao tempo, os
5 retos seleccionados, que poderán tirar proveito do espazo
startups R habilitado na Cidade da Cultura, traballarán man a man
con R e terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio,
recibirán a formación e o acompañamento permanente dos mentores e
titores de R e beneficiaranse, en palabras da compañía, “do uso
das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do
operador galego durante este tempo.”
