A Xunta investirá máis de 1 millón de euros para achegar Internet vía satélite ao rural
mércores, 4 de xullo do 2012

- Momento da sinatura do convenio entre AGADER e AMTEGA
Máis de 2.100 familias e empresas con domicilio na nosa
Comunidade aínda non dispoñen de acceso a Internet de banda larga debido, entre
outras cousas, a que viven en viven en zonas illadas, dispersas e cunha
orografía complicada que impediron que a Xunta puidese achegarlle este servizo
a través da tecnoloxía tradicional.
Porén, isto vai deixar de ser así coa posta en marcha da
sexta liña do Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia, na que se investirá máis
dun millón de euros para levar a cobertura de Internet vía satélite ás
devanditas zonas onde o acceso só é posible por esta canle.
Así o recolle o Diario Oficial de Galicia do 4 de xullo, no
que se publica a resolución pola que se pon en marcha a última das actuacións
previstas no Plan de Banda Larga da Xunta, e as axudas ás que poderán optar
as familias que desexen beneficiarse deste servizo universal.
Segundo afirman dende o
Executivo, “esta medida é posible grazas ao convenio asinado entre a Axencia
para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Axencia Galega de
Desenvolvemento Rural (AGADER), que achegará o importe de
1.077.000 millóns de euros no período 2012- 2014”.
Con este investimento facilitarase a conexión a Internet ás
devanditas familias e empresas con enderezo en Galicia que non poidan dispor de
acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.
Este programa de axudas establece unha única subvención
por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación e o custo do
equipamento de usuario, cunha contía máxima de 500 euros e “condicionado á
permanencia no servizo durante un ano”, afirman, sempre e cando contraten
un servizo de banda larga vía satélite de cando menos 2 Mbps de velocidade de
baixada.
A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será
de balde para as persoas usuarias, ao ser asumido pola entidade colaboradora.
As axudas tramitaranse a través das empresas provedoras
do servizo de Internet vía satélite acreditadas como entidades colaboradoras
pola Xunta, as claves teñen de prazo un mes desde o día seguinte á publicación
da resolución para presentar as súas solicitudes.
