A Xunta certificará oficialmente as competencias dixitais en ofimática

mércores, 30 de novembro do 2011 Raquel Noya

O Diario Oficial de Galicia de hoxe publica o Decreto que regula o proceso para obter un certificado de competencias dixitais en ofimática, un documento oficial que lle permitirá á persoa titular do mesmo, acreditar ante calquera entidade (pública ou privada) as súas competencias TIC, en materia de ofimática.
Desta maneira, ao igual que debemos certificar a nosa competencia nunha lingua estranxeira ou nunha disciplina académica para optar a un posto público ou, ás veces mesmo no ámbito privado, poderemos certificar o noso dominio das ferramentas virtuais de oficina, tales como bases de datos, follas de cálculo ou procesadores de texto, entre outras.
O documento será emitido pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e será de utilidade tanto para o persoal das Administracións públicas como para a cidadanía en xeral, que poderán avaliar o seu nivel de competencia en ofimática á hora de optar a un posto de traballo.
No caso da Administración este sistema permitirá simplificar o acceso e promoción á función pública, eliminando as probas que se realizaban ata agora para comprobar os coñecementos nesta materia tanto de funcionarios como de opositores.
Ademais, segundo informan dende a Xunta, “contribuirá a fomentar o uso eficiente e eficaz das tecnoloxías da información e as comunicacións na cidadanía galega e no persoal das administración públicas”, algo que hai tempo que era necesario.
Desde a entrada en vigor deste decreto, poderán obter a certificación de competencias dixitais e ofimática todas aquelas persoas que acrediten, mediante certificado oficial, ter superado os módulos formativos Ofimática ou Tratamento informático da Información, ámbolos dous asociados a títulos de formación profesional.
Tamén se lles outorgará unha certificación en competencias dixitais en ofimática de Galicia ás persoas que posúan un certificado de superación das actividades do Plan Formativo Ofimático de Galicia, que desenvolve a Escola Galega de Administración Pública.

Plan Formativo Ofimático da EGAP
Este plan, que foi elaborado en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e coa participación das Consellerías de Educación, Traballo e a Dirección Xeral da Función Pública, inclúe na modalidade presencial, de teleformación ou por acceso libre as seguintes actividades formativas,: sistema operativo, busca de información, internet/intranet e correo electrónico (30 horas); aplicacións informáticas de tratamento de textos (30 horas); aplicacións informáticas de follas de cálculo (50 horas); aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (50 horas) e aplicacións informáticas para prestacións: gráficas de información (30 horas).
Durante o presente ano, a EGAP ten convocadas para estes cursos 3.500 prazas na modalidade de teleformación, destinadas aos empregados públicos da administración autonómica.
As solicitudes para obter a certificación presentaranse mediante un formulario electrónico dispoñible na sede electrónica da Xunta.