A USC promove o reciclado dos teléfonos en desuso a través da campaña Doa o teu móbil
martes, 29 de maio do 2007
A día de hoxe, nunha época na que somos conducidos polo consumismo esaxerado cara a destrución total dos nosos ecosistemas, son moitos os que nada máis recibir no seu correo (electrónico ou postal) algunha oferta sedutora de móbiles novos a baixo prezo, acoden como as moscas a un tarro de mel a mercar o último modelo do mercado sen pensar no que van facer cos terminais que deixan en desuso (e que aínda funcionan á perfección) tan só porque “pasaron de moda” ou porque “saen moi ben de prezo”. É esta unha estampa cotiá: mercar por mercar, sen ter necesidade en absoluto do produto ofrecido; escenas nas que o individuo é seducido por un dos inimigos da integridade do planeta Terra: o marketing de ventas.
Por unha vez, ademais de pensar en adquirir un produto tecnolóxico de última xeración, algún responsable da Universidade de Santiago de Compostela (USC) pensou tamén no que facer cos que se deixan de empregar, máis contaminantes do que podemos chegar a imaxinar (teñen cadmio, mercurio, berilio, chumbo) e creou o Plan de Desenvolvemento Sostible da USC para recoller e reciclar móbiles e contribuír a evitar (na medida do posible) a destrución da natureza.
Precisamente, a Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, vén de rematar coa distribución de caixas con bolsas individuais con franqueo pagado para a recollida de móbiles naqueles centros docentes onde non existía contedor específico para a recollida deste residuo tecnolóxico.
ata o de agora, a USC dispoñía de sete colectores repartidos entre os seus campus (Campus norte, Campus sur e Campus de Lugo), nos que os interesados depositaban sen máis os seus móbiles, pero agora, con esta nova modalidade de envío con franqueo pagado da campaña Doa o teu móbil, vai ser posible enviar a reciclar o móbil vello dende calquera facultade e coa seguridade de que será recollido de xeito responsable.
A devandita iniciativa, na que a USC colabora coas organizacións Cruz Vermella, Fundación Entreculturas, ALBOÁN e a empresa CMR, procura dar unha nova utilidade social ós teléfonos móbiles en desuso que xa non funcionen mediante a súa venta, ó tempo que se colabora no respecto ó medio ambiente.
Unha vez depositados nos colectores específicos, os aparellos son recollidos e xestionados pola empresa CMR. Os que aínda son de utilidade reutilízanse no mercado de segunda man, contribuíndo economicamente coas organizacións mencionadas e os disfuncionais ou desfasados recíclanse, recuperándose os seus compoñentes segundo procedementos regulamentarios respectuosos co medio ambiente.
(Foto recollida de Flickr.com).
