A USC aposta pola reciclaxe de CDs e DVDs

luns, 30 de xullo do 2007 Raquel Noya

Os CDs e DVDs son os dispositivos de almacenamento da información máis empregados na actualidade. Isto é así debido á súa utilidade, pero cando deixan de funcionar convértense nun refugallo que debe ser tratado de xeito específico, xa que poden dar lugar a un impacto ambiental considerable. A Universidade de Santiago de Compostela vén de pór en funcionamento unha campaña de recollida selectiva e reciclaxe de discos óptimos en formato CD e DVD, froito da colaboración entre a Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC e a empresa vasca Sarbide, encargada do traslado e reciclaxe dos discos recollidos.
ata o e agora, distribuíronse cincuenta colectores específicos en centros docentes, bibliotecas e residencias universitarias, ademais de dez máquinas “destrutoras de información” localizadas noutros tantos edificios, que lles permitirán ós usuarios que o desexen inutilizar os discos compactos para que non se poda ler a información que conteñen.
Esta campaña, posta en marcha pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC coa colaboración da Unidade de Xestión de Residuos, é unha iniciativa pioneira en Galicia, ó ser a USC a primeira universidade galega que xestiona este refugallo de nova xeración.
Ademais desta campaña, a USC está a organizar outras accións que achegan os medios dispoñibles para que a comunidade universitaria poida depositar de xeito selectivo papel e cartón, pilas, cartuchos de tinta e tóner e teléfonos móbiles.