A UDC convida a amosar o papel da muller no eido científico-tecnolóxico cun certame fotográfico

xoves, 12 de setembro do 2013 Redacción

Achegar un punto de vista diferente pero real da tecnoloxía ao tempo que se traballa por espertar vocacións. Este é un dos obxectivos da primeira edición do Certame Fotográfico Rosalind Franklin que vén de convocar a Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña e que se dirixe, como aludimos máis arriba, a achegar unha imaxe dos ambientes e traballos científico-tecnolóxicos que normalmente non figura en webs nin en revistas específicas -os traballos desenvolvidos por mulleres- seguramente polo peso das múltiples visións masculinas que afectan aínda a tódolos niveis da sociedade. O concurso está aberto a todos os membros da comunidade universitaria, profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos.
O prazo para presentar as fotografías, un máximo de tres por persoa, remata o 30 de setembro e deberá facerse nos rexistros da Universidade, na Maestranza, en Elviña ou en Ferrol. O primeiro premio está dotado con 450 euros; 350€ o segundo e 200€ o terceiro.
Segundo explica a UDC, o certame leva o nome de Rosalind Franklin (1920-1985) porque foi a autora da chamada Fotografía 51. Biofísica e cristalógrafa inglesa tivo importantes contribucións á comprensión das estruturas do ADN, os virus, o carbón e o grafito. A Fotografía 51 é a imaxe do ADN obtida mediante difracción de raios X, que serviu como fundamento para a hipótese da estrutura dobre helicoidal do ADN. En 1962 os seus colegas Watson, Crick e Wilkins foron galardoados co Premio Nobel polo seu traballo no descubrimento do ADN. O nome de Rosalind Franklin non se mencionou nin se recoñeceu a súa contribución neste avance científico sen precedentes.