A SOPA rusa ameaza as liberdades dos internautas no país
mércores, 17 de xullo do 2013
Por se xa fose pouco coas
tentativas do Goberno de Estados Unidos de controlar ao máximo todo
o que se
comparte ou descarga na Rede coa súa lei SOPA, agora temos a
Rusia declarándolle a guerra a unha boa parte dos internautas cunha
iniciativa lexislativa semellante. De feito, xa lle chaman a
“SOPA rusa”. Segundo se conta, non é máis que unha nova
tentativa de controlar o intercambio de ficheiros (e de paso censurar
a Wikipedia), unha de tantas tentativas, só que a diferenza está no
volume e apoios legais que está a acadar. A lei antipiratería
entrará en vigor o vindeiro 1 de agosto, obrigando aos sitios a
pechar o acceso a material con dereitos de autor cando así o
soliciten os propietarios deste material. O proceso levarase a cabo
sen orde xudicial algunha e de non facilitarse o traballo por parte
dos webmasters, estes poderán ser sancionados ou bloqueados.
Con todo, os deputados
rusos que aprobaron o regulamento teñen en contra a unha boa parte
do sector de Internet do país, amais da cidadanía e as asociacións
de dereitos civís. Dende a Wikimedia Rusia advirten sobre os riscos
que a devandita lei guinda sobre a Rede mesma e, particularmente,
sobre o propio proxecto Wikipedia. A xuízo dos wikipedistas
do país, centos de artigos de Wikipedia están ligados polos seus
autores a sitios con recursos con material susceptible de non ter os
dereitos de autor que serían esixibles. Consecuencia: os
contribuíntes da enciclopedia en liña non serían quen de desbotar
as ligazóns e isto desencadearía o peche parcial da iniciativa.
Esta ameaza á Wikipedia rusa non é nova. O ano pasado, de feito,
varios sitios da enciclopedia foron inhabilitados en base á lei
139-FZ, que lle permite ao goberno do país engadir webs a unha
listaxe negra de bloqueo (onde se xuntan, tamén, sitios con contidos
de pornografía infantil ou posturas ideolóxicas de potencial
terrorista).
