A Mesa lanza web para impulsar o cinema galego en todas as plataformas

martes, 24 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de pór en marcha unha páxina web para reivindicar, defender, visualizar e preservar o cinema galego e feito na nosa lingua, tanto nas canles tradicionais como (sobre todo) en plataformas dixitais como Netflix ou demais. A páxina en cuestión, www.manifestocinemagalego.gal, acompáñase dun manifesto presentado na véspera do Día de Galicia (O cinema heroico galego) que conta co apoio de 150 profesionais do sector e diversas compañías e entidades.
Entre estas compañías e entidades atópanse a Academia Galega do Audiovisual, a Asociación de profesionais da dobraxe, a Asociación de Produtoras Independentes ou Asociación Galega de Actores e Actrices, entre outras. Na páxina web, A Mesa fai un chamamento a prol dun manifesto arredor do cal, din, cómpre pechar fileiras e achegar a nosa sinatura.
O presidente da Mesa Marcos Maceira, argumentou na presentación da campaña e do sitio en liña que “no século XXI, sen audiovisual, sen cinema non podemos inmortalizar a nosa historia nin aquilo que queremos dicir como pobo”. Ao seu xuízo, “a realidade é que temos unha escena galega que actúa e temos un cinema galego que fai moito esforzo por existir malia todas as trabas, un verdadeiro esforzo heroico”. Maceira salientou “a capacidade creadora do pobo galego exemplificando como a pesar da ditadura e dos séculos escuros a literatura galega floreceu e deu grandes escritores e escritoras”.
Para A Mesa é “unha anomalía que o galego non teña presenza na televisión, nas salas de cinema en Galiza ou nas novas plataformas dixitais como Netflix cando noutras linguas como o euskera e o catalán si hai presenza”. Segundo engadiu Maceira “é unha cuestión de dignidade que o pobo galego poida expresarse e desfrutar dun sector audiovisual en galego” por iso non se poden consentir os problemas que poñen as distribuidoras para proxectar filmes en lingua galega ou o desleixo total da Xunta de Galiza de promover o sector audiovisual.
Quen asina o manifesto pode verse en www.manifestocinemagalego.gal/ e desde as entidades fan un chamamento a apoialo masivamente para que se vexa “o sentir do pobo galego que demanda de cinema na súa lingua”.

PUBLICIDADE