A Escola Superior de Enxeñaría Informática celebrou o seu 25 aniversario

luns, 3 de xullo do 2017 Redacción

A Escola Superior de Enxeñaría Informática celebrou o pasado 30 de xuño os seus 25 anos de vida. O aniversario, un multitudinario acto no que colaboraron os principais impulsores da posta en marcha da ESEI xunto con antigos e presentes estudantes, desenvolveuse no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico. Participaron, entre outros, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense, e os responsables da Escola ao longo da súa historia: Manuel Pérez Cota, Enrique Barreiro, Ana Garriga e (o seu actual director) Francisco Javier Rodríguez). As intervencións acompañáronse dun vídeo de lembranza que mostrou a evolución do centro, parella á longa serie de cambios, transformacións e evolucións que experimentou neste tempo a Sociedade do Coñecemento.
Ao longo da cerimonia salientouse como a historia da escola é froito "do labor de moitas persoas que fixeron deste proxecto o seu lugar de traballo", recoñecéndose o esforzo e adicación do persoal de administración e servizos e do profesorado. Igualmente, fíxose fincapé na importancia dos froitos dese traballo, “o colectivo de egresadas e egresados que atesoura este centro”, profesionais que, segundo se destacou no acto de homenaxe, “están repartidos hoxe por puntos da xeografía en sectores moi diversos”.
Destes fitos do centro e do seu pasado e porvir tamén falaron Juan Francisco Gálvez, como profesor que leva 25 anos no centro; Celso Campos, como primeiro alumno en titularse nela e hoxe docente neste centro, e Lucía López, estudante na actualidade da escola. Todos eles e elas foron os encargados de pór en palabras o sentir dos presentes nun acto que, destacou Francisco Javier Rodríguez, quixo ser “un momento para a celebración de todo o vivido e de todo o que nos queda por vivir xuntos”.