A EGAP achega formación específica sobre sistemas de información xeográfica

luns, 2 de setembro do 2013 Redacción

Fachada da sede da EGAP, no barrio de Fontiñas de Santiago de Compostela

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convocou os días pasados unha nova actividade TIC para os traballadores do ámbito público. Trátase do Curso de Sistemas de Información Xeográfica 2013, unha acción formativa dirixida a fornecer coñecementos teóricos e prácticos sobre solucións de datos xeoespaciais e habilidades para tirar partido dos sistemas de información xeográfica na Administración. O curso vén da man da EGAP en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a Dirección Xeral de Administración Local e o Instituto de Estudos do Territorio (IET). A actividade, segundo informa a Escola, mestura o estudo dos fundamentos teóricos dunha ferramenta SIX “cunha completa formación práctica no uso dos sistemas de información xeográfica co obxectivo de que os alumnos aprendan a xestionar esta información de maneira eficiente e obter os maiores beneficios posibles tanto na xestión do territorio coma na posta á disposición desa información”.
Os alumnos recibirán de balde unha licenza do programa Arcgis 10.1 válida por un ano, que se lles instalará no seu portátil a aquelas persoas que prefiran seguir as clases prácticas co seu propio portátil. A actividade, que achega 25 prazas, comeza o 14 de outubro e remata o 18 de xuño.