A Deputación de Pontevedra fornece un outubro ateigado de obradoiros TIC a través de SmartPEME

martes, 4 de outubro do 2016 Redacción

Seguimos dando conta das actividades de formación TIC para empresas e autónomos xeradas ao abeiro do programa SmartPEME da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que substitúe a antiga Rede CPAE 2.0, que ten diferentes centros de operación (Vigo, Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín e Ponteareas) e que se caracteriza por ofrecer a empresas, autónomos e profesionais múltiples actividades formativas e divulgativas en materia de ferramentas dixitais. Segundo vén de informar a entidade que preside Carmela Silva, a provincia acollerá durante todo o mes de outubro unha manchea de obradoiros de SmartPEME. Desenvolveranse nas oficinas de Pontevedra, Cambados, Porriño, Lalín e Vigo cunha programación de actividades de diversa índole en horario de 19.00 horas.
Como lembraremos, SmartPEME oferta ás persoas emprendedoras e pequenas e medianas empresas da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración e acompañamento no ámbito das TIC, da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e de mozos e mozas autónomas. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20.
En Pontevedra, o Edificio Administrativo da Deputación acollerá seis obradoiros nas seguintes quendas: o venres 7 de outubro, Facebook Ads. O martes 11, Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais. O seguinte luns 17, Unifica a xestión das túas redes sociais con Hootsuite. Ese mércores 19, Saca as túas fotografías para o correo electrónico. O mércores seguinte, 26 de outubro, Sácalle partido á túa conta de Gmail e, por último, Afondando nas ferramentas: Google Apps avanzado, o venres 28. Lembrar que a oficina SmartPEME de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n.
En Cambados, o Centro ExpoSalnés acollerá seis obradoiros co seguinte calendario: mércores 5 de outubro, Google Analytics: iniciación á analítica web. O martes 11, Google Calendar, moito máis que unha axenda. O venres 14, Desenvolve a túa propia estratexia de e-mail marketing. O luns 17 de outubro, Fotografía de produto: especial sector textil. O xoves 20, Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais e, por último, o xoves 27 As últimas aplicacións para o sector agrario e gandeiro. A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no Paseo da Calzada.
A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o luns 3 de outubro, Fotografía e vídeo para espazos interiores. O xoves 6, Rendibiliza o teu perfil profesionais en redes sociais. O xoves seguinte, día 13, Desenvolve a túa propia estratexia de E-mail marketing. O martes 18, LinkedIn: a túa rede de networking. O mércores da seguinte semana, día 26, Coñece as claves para a dixitalización documental e, o venres 28, A túa páxina web con WordPress. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Na oficina de Vigo as quendas son as seguintes: o martes día 4, Como facer unha campaña de éxito de publicidade en Google?. Despois, o luns 10, Coñece as claves para a dixitalización documental. O mércores 19, Imos chamar á porta da túa clientela. Posicionamento SEO. Ese mesmo venres, día 21, Promove o teu perfil en Facebook con aplicacións externas. O luns 24 de outubro, Fotografía de produto: especial sector téxtil e, en último lugar, Almacenamento na nube e comunicación con clientes. A oficina SmartPEME de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.
En Lalín, desenvolveranse 6 obradoiros na parcela E do viveiro de empresas do Polígono Lalín 2000. Comezarán o martes 4 con Facebook marketing. O día seguinte, 5, Fotografía para os teus produtos ou servizos para as redes sociais. O luns 10 de outubro, Descobre como funciona o certificado dixital, o teu DNI online. O martes da semana seguinte, día 18, Elixe a túa plataforma de comercio electrónico. O venres 21, Imos chamar á porta da túa clientela. Posicionamento SEO. Por último, o martes 25 desenvolverase o obradoiro LinkedIn: a túa rede de networking.

PUBLICIDADE