A Deputación da Coruña convírtese na primeira institución en adaptarse á directiva europea Inspire
mércores, 20 de xuño do 2007
A Deputación da Coruña, vén de convertirse na primeira institución provincial española en adaptar a súa web da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) á directiva europea “Inspire”, que posibilita a estandarización dos datos e soportes xeográficos.
O proxecto “Inspire” (Infraestructura para a Información Espacial da Unión Europea), foi aprobado hai 3 meses pola Comisión Europea, e tén como obxectivo crear unha rede unificada de información sobre datos xeográficos do territorio comunitario, superando as dificultades que na actualidade supón a utilización nos estados membros de diferentes estándares, escalas e símbolos.
Pola súa parte, a EIEL, que tén a súa orixe no ano 1985, é unha das ferramenas que lle permite á Deputación da Coruña e ós concellos, programar e planificar mellor as súas actuacións, e na opinión do titular en funcións do goberno provincial, trátase “da mellor base de datos sobre infraestructuras e equipamentos que existe na provincia”.
Entre as novidades incorporadas á nova web, destaca a migración das aplicacións sig EIEL e web EIEL a software libre, facéndoas interoperables mediante a aplicación das tecnoloxías recomendadas pola iniciativa “Inspire”, estandarizando as aplicacións e integrándoas na Rede de Infraestructuras de Datos Espaciais.
