A Cámara de Santiago móstranos nun curso como empregar as máis avanzadas tecnoloxías na xestión do patrimonio

xoves, 28 de maio do 2026 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago achega este mes de xuño un programa avanzado centrado na Innovación e a Tecnoloxía na Xestión do Patrimonio. Desenvolverase entre o xoves 4 de xuño e o xoves 18 do mesmo mes, en horario de tarde: de 16.00 a 18.30 horas. O programa vai dirixido a traballadores, coordinadores, técnicos ou emprendedores do sector das industrias culturais e en concreto do patrimonio cultural, como sector específico da economía social.
O obxectivo do curso é capacitar aos profesionais do patrimonio na aplicación de tecnoloxías innovadoras. En materia de contidos, introducirase ás persoas participantes en dixitalización e conservación do patrimonio, en tecnoloxías 3D para museos e exposicións, na xestión de arquivos dixitais e Big Data no patrimonio, na realidade virtual e aumentada aplicada ao turismo cultural e nas estratexias de difusión dixital para museos e espazos patrimoniais.
O docente será o experto Luis Rico, licenciado en Comunicación e Informática Educativa con máis de 10 anos de experiencia en xestión, planificación e coordinación de proxectos. Doutorando en Industriais da Comunicación e Culturais pola Universidade Politécnica de Valencia (UPV) e mestrado en Economía social pola Universidade de Valencia (UV), tamén conta cun mestrado en Cooperación Internacional ao Desenvolvemento: Xestión e Dirección de Proxectos pola Universidade da Rioxa.
Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2025-2026 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.
Esta formación conta coa colaboración do Concello de Santiago en virtude de convenio de colaboración subscrito coa Cámara a través do programa municipal Feito en Santiago.