A CEL e o CTIC convocaron aos empresarios de Lugo para achegarlles oportunidades colaborativas de innovación
martes, 19 de maio do 2015
A Confederación de
Empresarios de Lugo (CEL) en colaboración con CTIC Centro
Tecnolóxico da Información e a Comunicación celebraron este luns
unha
xornada informativa co obxectivo de difundir novas solucións
tecnolóxicas para empresas e avaliar a fondo a convocatoria
Innterconecta. Na xornada, na que participaron ducias de
empresarios de Lugo e provincia, fíxose fincapé na finalidade de
Innterconecta (financiar proxectos de I+D promovidos por consorcios
empresariais) e os escenarios concretos aos que se dirixen as súas
axudas (en boa medida PEME e microempresas).
Máis en detalle, no
encontro puxéronse de manifesto os atrancos das empresas de pequeno
e moi pequeno tamaño á hora promover procesos innovadores, e a
importancia das iniciativas de carácter cooperativo e colaborativo
con vistas a non ficar atrás no acceso ás novas tecnoloxías e na
actualización dos seus negocios.
A xornada incluíu unha
sección chamada Oportunidades tecnolóxicas que forneceu aos
asistentes a posibilidade de achegarse ás tendencias tecnolóxicas
(tendencias tecnolóxicas concretas) que marcan o 2015. Nesta parte
do encontro emprestouse especial atención a solucións de realidade
virtual e aumentada, análise de información, grandes cantidades de
datos (xeitos de xestionalos, gardalos, tratalos e recuperalos), ou
visión por computador.
Jaime López, secretario
xeral da CEL, foi o encargado de abrir este encontro, no que
participaron como relatores Pablo Coca, director de Negocio e
Operacións de CTIC, e Fidel Díaz, responsable de Innovación deste
centro tecnolóxico, situado en Xixón. O secretario da CEL salientou
a importancia de estreitar ligazóns con comunidades como Asturias,
“que están a desenvolver proxectos moi interesantes trasladables a
esta provincia”.
Como remate, informar que
con vistas ao estudo de posibles accións a desenvolver no futuro de
forma colaborativa, os técnicos de CTIC tiveron a oportunidade de
visitar con anterioridade á celebración da xornada as instalacións
do CETAL (Centro Tecnolóxico
Alimentario), que percorreron acompañados do subdirector deste
centro e de representantes da CEL e da Fundación CEL.
