A AMTEGA aproba o seu Plan de Acción 2016
luns, 28 de marzo do 2016
O Plan de Acción 2016 da AMTEGA, aprobado hoxe no Consello
Reitor da Axencia, establece 35 programas e obxectivos operativos, dotados con
77 millóns de euros para consolidar unha administración intelixente e
eficiente, avanzar cara unha cidadanía dixital, integrar as TIC nos sectores
económicos chave de Galicia, impulsar o sector TIC e estender redes
ultrarrápidas na Comunidade. Na xuntanza, presidida por Alfonso Rueda, a
directora da AMTEGA, Mar Pereira, destacou o grao de cumprimento do Plan 2015,
que se situou no 86%, e engadiu que este
será o ano no que se avanzarán nos desafíos formulados na Axenda Dixital de
Galicia, a estratexia tecnolóxica da Comunidade para o horizonte 2020.
En 2016 avanzarse nas medias contempladas no Plan de Goberno e Administración
Dixital 2020. Entre elas, potenciarase a sede electrónica, que posibilitará a
tramitación electrónica integral de 200 procedementos; porase a disposición das
entidades locais a plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, na que se prevé
acadar 1,5 millóns de consultas; estenderase a dixitalización dos documentos
nos rexistros presenciais, que xa se está a pilotar no Rexistro Xeral da Xunta
e consolidarase o Arquivo Dixital Integrado, unha peza fundamental para unha
administración verdadeiramente dixital e sen papeis.
No eido turístico, consolidarase a iniciativa Smart Camiño, que o
pasado 18 de marzo, se presentaba co arranque do portal do Camiño,
caminodesantiago.gal, e o anuncio de que abril e maio estará dispoñible a
aplicación do Camiño para as plataformas Android e iOS. Dentro desta
iniciativa, continuarase a estender a Wi-Fi nos albergues públicos da Ruta, que
xa está activada no 84%.
No eido educativo, prevese ampliar o alcance da iniciativa
eDixgal ata 7.500 alumnos de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º de ESO,
que estudarán exclusivamente con contidos dixitais, gratuítos para as familias,
e que poden empregarse incluso en lugares con baixa conectividade.
En canto aos servizos de Benestar, este ano disporase da
primeira versión da Historia Social Única, que permitirá acceder á información
social dispoñible dos cidadáns de forma unificada, tanto á que afecta aos
servizos proporcionados pola administración autonómica, como aquela provinte
dos servizos doutras administracións.
No eido do Transporte, ao longo do ano consolidarase o
Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade de Galicia para mellorar a xestión
e control da flota adscrita ao servizo de transporte público regular de
viaxeiros de Galicia. Ao longo de 2016 integraranse na plataforma unhas 100
empresas de transporte e máis de 1.000 autobuses, para atender a unha demanda
de 25 millóns de viaxes.
En 2016 avanzarase a consolidación dun hipersector TIC con iniciativas como o
Programa Transforma TIC para desenvolver actuacións, en colaboración co sector
empresarial, universidades, centros tecnolóxicos, centros de investigación,
colexios profesionais e o propio sector TIC orientadas para o impulso do sector
tecnolóxico.
Este ano abrirase a primeira convocatoria pública do Plan de
Banda Larga para incentivar os despregamentos de redes de 100 Mbps para que no
2020 dispoñan deste servizo todos os núcleos de máis de 500 habitantes (o 60%
da poboación da Comunidade) e o 55% dos polígonos e parques empresariais, o que
supón case o 90% da superficie empresarial ocupada en Áreas Empresariais de
Galicia.