reMarkable estrea pantalla de tinta electrónica a cor

mércores, 4 de setembro do 2024 Marcus Fernández

Dende hai anos reMarkable é o grande referente en lectores de libros electrónicos con pantalla de tinta electrónica e opción de escritura, buscando así coller a remuda dos cadernos en papel, e continuando a avanzar nesta dirección sorprenden presentando o reMarkable Paper Pro, un dispositivo con pantalla de 11,8 polgadas a cor, con luz de lectura axustable e unha sensación de escritura comparable á do papel.
A pantalla de grande tamaño pode resultar moi agradable para a lectura, pero coa incorporación da cor fai moito máis práctico o dispositivo para a escritura, xa que para tomar anotacións, subliñar ou realizar esquemas o uso da cor pode ser moi práctica, aínda que as cores non teñan a viveza que se conseguiría coa pantalla dunha tableta con pantalla ordinaria.
Cómpre salientar que este tipo de dispositivos están orientados á lectura e á escritura, libre das distraccións que asaltan constantemente ao usuario de empregar tabletas para tal fin.
O reMarkable Paper Pro tamén ten un peso lixeiro (525 gramos) e un grosor de só 5,1 milímetros, e goza dunha autonomía extraordinaria (pode aguantar un par de semanas cunha única carga). O produto poderase adquirir a 649 euros cun lapis estándar (poden mercarse cun modelo de lapis avanzado por 50 euros máis). Tamén están dispoñibles unha funda por 99-199 euros (en función do material) e unha funda-teclado por 249 euros.
Os usuarios que estean interesados nun dispositivo deste tipo, pero poidan prescindir da pantalla de papel electrónico a cor poden optar por adquirir o reMarkable 2 a un prezo que parte dos 449 euros.
En ambos casos cómpre salientar o feito de que o fabricante inclúe o galego entre os idiomas soportados para o recoñecemento de escritura.

Vídeo promocional do reMarkable Paper Pro