Volve Coruña Comunica Ciencia poñendo o foco na IA, na medicina e na ciberseguridade

martes, 10 de febreiro do 2026 S. P.

O evento Coruña Comunica Ciencia volve á cidade herculina con tres xornadas consecutivas de formatos divulgativos, monólogos, teatro e música. Será esta semana, os días 11, 12 e 13 de febreiro, e novamente co Teatro Colón como epicentro das actividades, como no anterior certame.
No acto de presentación da edición deste ano, celebrado este luns 9 de febreiro, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, puxo en valor esta iniciativa da entidade Ceo Aberto, que conta co apoio do Concello e a colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
"Coruña Comunica Ciencia enriquece aínda máis a programación cultural da nosa cidade, que conta cun piar fundamental na nosa rede de Museos Científicos Coruñeses en materia de aprendizaxe didáctica", sinalou, engadindo que o persoal técnico da rede municipal tamén estará presente no evento desta semana. Concretamente, coa participación do director dos Museos Científicos Coruñeses, Marcos Pérez Maldonado -presente hoxe na rolda de prensa de presentación, acompañado polo divulgador científico David Ballesteros, fundador de Ceo Aberto-.
Con eles, persoeiros como o cirurxián Diego González Rivas, a matemática e pianista catalá Laura Farré, a coruñesa Alba Meijide -recoñecida polo seu traballo no eido da intelixencia artificial- e expertos en ciberseguridade como Kike Fontán.
A programación estará estruturada en tres bloques de actividades, en horario de mañá (para público escolar), de tarde e de noite (para público familiar e adulto).
Para asistir ás sesións programadas será preciso retirar entrada previa, cun custo de 2,95 por franxa horaria. Os pases dos días 11, 12 e 13 están dispoñibles en liña.