Undodez presentou Bibopalula perante 250 nenos e maiores
xoves, 5 de decembro do 2024
A celebración pontevedresa do Culturgal (17ª edición), celebrada a pasada fin de semana, coincidiu coa estrea na plataforma infantil Xabarin.gal da serie galega de animación Bibopalula, co-producida pola CRTVG e Undodez e composta de historias de cinco minutos protagonizadas por paxaros que teñen un grupo musical e en que a natureza -e os seus ciclos- ocupa sempre un lugar principal.
A presentación deste musical galego, na que participou o conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, tivo formato de acto aberto ás familias e nel estiveron presentes 250 nenos, nenas e maiores como público convidado, ademais, de Xosé A. Touriñán, produtor da serie, que exerceu como condutor da cita, na que tamén participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e mais responsábeis da Televisión de Galicia e da marca Deleite.
Na súa intervención, López Campos puxo en valor a “audacia” desta produción de Undodez, que se presenta como unha das iniciativas audiovisuais máis ambiciosas das últimas décadas para o público familiar en Galicia, realizada integramente por profesionais e empresas galegas.
Creada por Laura Mahía e Andrés Mahía, que son tamén directora e guionista da serie, esta conta con 55 capítulos de 5 minutos na súa primeira temporada, co paporrubio Robin, o merlo Merli, a pega Pegui e o peto Carpin como protagonistas. Os catro forman a Banda do Bosque, grupo musical ao que se unen en cada episodio outros tantos paxaros, coas voces dalgunhas das actrices e actores máis coñecidos polo público do país (Melania Cruz, Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez ou Xosé A. Touriñán). A serie, pensada para acompañar as primeiras miradas sobre o medio natural e destinada preferentemente a un público de entre 3 e 6 anos, trata os ciclos naturais do bosque, desde a chegada do inverno ata a das cegoñas, e ten na música un dos seus grandes valores, xa que cada un dos episodios remata co videoclip dun tema musical orixinal, composto por Santi Jul e Iván Laxe.
Como dixemos, a canle pública autonómica emitiea a través da súa plataforma de contidos dixitais infantís xabarin.gal e da aplicación móbil do Xabarín, antes de que viaxe por outros territorios e noutras linguas en diferentes operadores. A produtora está ultimando tamén un conto infantil, unha aplicación específica para a serie, contidos complementarios para YouTube e as principais plataformas de música en streaming, e unha unidade didáctica arredor de asuntos como o coidado da natureza ou a música, que se completarán con visitas dos protagonistas a diferentes centros educativos.