Un total de 240 centros de toda Galicia participan este curso na nova edición de Navega con rumbo
luns, 9 de decembro do 2024
- Román Rodríguez, conselleiro de Educación, e Fernando Suárez, presidente do CPEIG, na sinatura do acordo polas navegacións seguras
Un total de 240 centros educativos galegos participarán ao longo deste curso no programa Navega con rumbo, unha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia coa finalidade de “guiar á rapazada nun emprego seguro da Internet de xeito útil e responsábel, ao tempo que tamén se lle facilitan ferramentas aos docentes para uso didáctico na aula”.
Por provincias, participan 88 centros da Coruña, 36 da provincia de Lugo, 33 de Ourense e 83 da de Pontevedra. A relación de centros participantes pode consultarse no Portal Educativo.
Trátase da décimo terceira edición deste programa, que leva vixente en Galicia desde o curso 2010-11, e que está incluído entre as accións da Estratexia de Educación Dixital 2030.
Ao abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración nos centros de ensino, dirixidas ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica para guiar aos rapaces cara a unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da Rede.
Amais, farase partícipe ao profesorado e familias para que tamén sexan transmisores para o alumnado.
O programa Navega con rumbo inclúe ademais, unha Guía de Boas Prácticas en Internet dispoñíbel en soporte dixital e en formato impreso nos propios centros.
Esta acción forma parte dun abano de iniciativas que o Goberno galego está a reforzar co obxecto de adiantarse aos desafíos das novas tecnoloxías. Seguindo este fío, a Xunta informou que este ano vai lanzar un novo programa dirixido ao alumnado de Educación Primaria para favorecer o correcto uso das novas tecnoloxías, cun investimento que superará os 2 M€. Asemade, puxo a disposición do alumnado a Guía de uso seguro de Internet e as redes sociais, un documento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) que aborda, desde “unha linguaxe sinxela e directa”, efectos e riscos. Forma parte do programa Pegada Dixital que se desenvolve en centros educativos desde hai dous cursos con 250 obradoiros. Ademais, a través dunha guía de boas prácticas, tamén se fai partícipe das recomendacións aos profesores e familias na medida en que se poidan converter en transmisores de boas prácticas de cara á rapazada.